Pestanas principais

O Concello de Ames aproba a convocatoria de axudas dirixidas a familias numerosas

Martes, 01 de outubro de 2013

[01-10-2013] O Executivo amiense, reunido en Xunta de Goberno Local, aprobou as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas a familias numerosas do municipio. A contía total destinada a estas axudas é de 120.000 euros e a axuda consistirá no pagamento de 1.200 euros por unidade de convivencia. Con este tipo de iniciativas, o Concello de Ames pretende axudar na actual conxuntura económica a aquelas familias que máis dificultades teñen para a crianza dos fillos.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, explicou que “a finalidade desta axuda é proporcionar apoio económico aquelas familias cualificadas como numerosas pola Consellería de Benestar da Xunta de Galicia ou organismos análogos doutras comunidades autónomas”. María Eugenia Martín engadiu que “as bases inclúen melloras con respecto ao ano anterior co obxectivo de darlle unha maior axilidade á resolución das axudas e pagos”.

A concelleira destacou que, deste xeito, “no actual contexto económico, o Concello de Ames mantén todas as prestacións sociais, incluíndo as axudas de familia numerosa, sendo Ames un dos poucos municipios de Galicia que as mantén”.

Información e prazo de solicitude
Os beneficiarios destas axudas serán aquelas familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no municipio de Ames. Os interesados e interesadas poderán informarse dos requisitos e dos pasos a seguir nas oficinas do departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames.

As solicitudes e a documentación requirida presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, ou ben no rexistro existente na oficina municipal do Milladoiro na Rúa de Abaixo, núm. 10. O prazo para presentar as solicitudes é de un mes, contado dende o día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames destina una partida de 120.000 € para ayudas a las familias numerosas"