Pestanas principais

O Concello de Ames aproba o Plan de Axuste 2012-2022 co obxectivo de completar en 5 anos o saneamento das arcas municipais e garantir os servizos básicos

Xoves, 29 de marzo de 2012

[29-03-2012] O Pleno do Concello de Ames aprobou esta tarde o Plan de Axuste 2012-2022 co obxectivo de sanear as arcas municipais nun prazo de 5 anos. A planificación establecida neste documento permitirá equilibrar de forma progresiva a realidade contable do Concello de cara a manter o nivel de prestación dos servizos básicos, programar importantes inversións nos próximos 10 anos e, en definitiva, estabilizar o nivel de emprego. Na sesión plenaria, o Goberno municipal presentou o Plan de Axuste 2012-2022 como un documento real, que planifica as liñas básicas de actuación municipal e garante a solvencia da institución. De xeito inmediato, o Plan de Axuste posibilitará acollerse ao mecanismo de financiamento para o pagamento aos provedores das entidades locais habilitado polo Goberno do Estado a través do Real Decreto Lei 4/12, de 24 de febreiro. A aprobación deste documento, que contou co voto favorable dos once concelleiros do Grupo Popular, fará posible afrontar pagamentos a provedores por 2.228.813,65 euros, importe que se corresponde coa relación de 836 facturas, emitidas por 205 provedores con data anterior ao 1 de xaneiro de 2012, que o Concello de Ames remitiu ao Ministerio de Facenda con data 15 de marzo.

Na súa explicación do Plan de Axuste 2012-2022, o alcalde de Ames destacou que se trata dunha medida extraordinaria pero imprescindible pola situación económica herdada no Concello polo actual Goberno municipal. Segundo afirmou Santiago Amor, "nós estamos a facer os deberes e avanzamos día a día na nosa obriga prioritaria de poñer en orde as contas do Concello, atendendo ás necesidades dos veciños e pagando aos provedores". Neste sentido, o alcalde destacou que a tramitación do Plan de Axuste fíxose cunha transparencia absoluta, dando oportunidade a todos os grupos municipais de facer as súas propostas en tempo e forma. Así, Amor lembrou que o documento foi rematado na madrugada do mércores 28, despois dun labor encomiable por parte dos Servizos Económicos do Concello, e só unhas horas máis tarde presentouse aos tres grupos municipais na xunta de voceiros. Do mesmo xeito, esta mañá celebrouse unha Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e especial de Contas para ditaminar o Plan de Axuste 2012-2022 de forma previa á celebración da sesión plenaria.

Os grupos da oposición non asistiron á celebración da sesión plenaria e votaron en contra do Plan de Axuste 2012-2022 na Comisión Informativa de Economía e Facenda celebrada esta mañá. Na celebración do Pleno, o alcalde Santiago Amor afirmou que "con esta actitude a oposición demostra que non está á altura das circunstancias" e incidiu en que "votan contra o Plan de Axuste para non ter que recoñecer antes os veciños de Ames que eles arruinaron ao Concello". "Os dous grupos foron cómplices dunha caótica xestión económica que levou á quebra técnica a este Concello e agora non se atreven a dar a cara ante os cidadáns", engadiu.

Medidas Plan de Axuste 2012-2022

Plan de Axuste 2012-2022, que conta co informe favorable do departamento de Intervención, recolle ingresos correntes para financiar os seus gastos correntes e a amortización das operacións de endebedamento. No documento, apóstase pola tendencia a autofinanciamento de determinados servizos (educativos, asistenciais e deportivos) e corríxense os desequilibrios detectados neles para garantir a súa continuidade así como doutras actividades municipais que poderían verse comprometidas.

No capítulo de gastos, o Plan de Axuste recolle a continuidade das medidas xa adoptadas no último ano para sanear as arcas municipais e que permitiron un aforro duns 670.000 euros. Entre elas, cabe citar a rebaixa de 120.000 euros pola nova organización do Concello, que implicou a redución da convocatoria das Xuntas Ordinarias de Goberno, a rebaixa das asignacións por Grupo Municipal e por cada concelleiro, ademais da minoración do salario do alcalde e dos concelleiros con algún tipo de dedicación e da reestruturación dos traballadores a disposición dos grupos.

Co obxectivo de acadar a maior eficiencia, asegurando a prestación do servizo a un menor custo, este ano renegociáronse, por exemplo, os contratos de telefonía, os seguros dos vehículos do parque móbil, as tarifas eléctricas ou os contratos de extintores e seguridade. Nesta liña de traballo, respecto aos custos de persoal queda establecido que non se cubrirán as baixas por falecemento ou xubilación, elimínanse as partidas de produtividade e redúcense as gratificacións por horas extras (compénsanse por xornadas de descanso). Estudarase ademais a redución de días de libre disposición e determinarase que o disfrute das vacacións nos contratos temporais se realice antes de que expire o vínculo co Concello. Do mesmo xeito, promoverase que o persoal municipal realice aqueles traballos que estaban a ser externalizados e que son susceptibles de ser asumidos polos empregados da Administración local dentro das súas competencias.

Reducirase ademais a celebración de contratos menores, primando o requisito do menor prezo de licitación. O documento aprobado esta tarde establece unha previsión de ingresos a partir da revisión de determinados tributos como o imposto sobre vehículos de tracción mecánica (actualización anual co IPC) ou o imposto sobre construcións, instalacións e obras (incremento do 4% nas edificacións plurifamiliares, vivendas colectivas ou promocións de máis dunha vivenda con efectos de 2013).

O Concello de Ames reforzará a eficacia da recadación executiva e voluntaria e potenciará a inspección tributaria para descubrir feitos impoñibles non gravados. Do mesmo xeito, actualizaranse as taxas pola prestación de servizos e ocupación do dominio público. Así, por primeira vez e como iniciativa pioneira no ámbito municipal, aplicarase a progresividade nos servizos de conciliación ("Bos días cole", "Tardes divertidas" ou comedores escolares) de tal xeito que, por primeira vez, quen máis ten máis paga ao mesmo tempo que se aumentarán as bonificacións para as familias con menos recursos. Antes do inicio da matrícula nas actividades municipais de ámbito educativo, asistencial e deportivo será o Concello de Ames o que aprobará o número máximo de usuarios e o importe máximo de déficit que pode ser asumido.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El comedor amiense será más caro para los más ricos"
El Correo Gallego: "El PP estima que las arcas de Ames podrán estar ya saneadas en solo 5 años"