Pestanas principais

O Concello de Ames aproba o reparto de 51.359 euros entre oito entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro

Xoves, 05 de xaneiro de 2023

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 29 de decembro, as contas xustificativas dos gastos correspondentes ás subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro do segundo semestre de 2022. O importe deste pago ascende a 26.393,25 euros. Previamente, na Xunta de Goberno do 6 de outubro, xa se aprobara o pago doutros 24.966,60 euros, correspondentes ás actividades realizadas e aboadas durante o primeiro semestre do ano. O fin destas axudas é a promoción de iniciativas complementarias aos servizos sociais comunitarios e de inclusión social do Concello de Ames. En total concedéronse 51.359,85 euros.

Os obxectivos desta liña de axudas son a promoción da inclusión social dos colectivos con dificultades de inserción; a instauración de programas de base comunitaria que desenvolvan accións preventivas; a intervención e o seguimento de persoas en risco de exclusión social; a potenciación da saúde pública ou a formación básica e laboral adaptada ás necesidades de persoas con diversidade funcional.

Ás axudas puideron optar todas as entidades sociais sen ánimo de lucro que estivesen legalmente constituídas e desenvolvesen a súa actividade no Concello de Ames. Dentro dos ítems subvencionables incluíronse as retribucións do persoal contratado e os gastos correntes consumibles non amortizables (gastos de subministros, de locais...), así como os derivados da cobertura de necesidades urxentes ou de emerxencia social para satisfacer as necesidades primarias.

Deste xeito, beneficiáronse das subvencións un total de oito entidades: Arcea Adames (8.438,64 euros), Cáritas Ortoño (8.581,69 euros), Cáritas Milladoiro (13.677,06 euros), Igaxes 3 (7.330,04 euros), Agasol (4.666,60 euros), Acougo (3.827,20 euros), Alcer (1.642,62 euros) e Ascampor - Asociación de amigos Camiño Portugués (3.128,74 euros). Entre todas elas, promoveron ata 15 proxectos, que abarcan dende a promoción da autonomía persoal dos integrantes das asociacións ou os alugueres de locais ata actividades de educación emocionar e intervención da comunicación e linguaxe ou labores de información e orientación.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que “estas achegas permítennos colaboracións coas entidades para poder chegar a máis poboación a través de proxectos cada vez máis novidosos, a parte dos que xa están consolidados”.

Imaxe das oficinas de servizos sociais do Milladoiro