Pestanas principais

O Concello de Ames aproba o reparto de axudas para a promoción da actividade comercial

Xoves, 10 de maio de 2012

[10-05-2012] O Concello de Ames, sempre comprometido coas asociacións de comerciantes do municipio, aprobou na súa última Xunta de Goberno Local, por unanimidade dos seus membros presentes, o reparto das axudas ao comercio amiense correspondentes a 2011. Neste exercicio, a convocatoria de subvencións está dotada de 37.000 euros. Esta contía repártese en tres capítulos. A primeira partida, destinada á iluminación de Nadal, contou con 12.000 euros, outra de 6.000 euros é para infraestruturas e equipamento, e a terceira, que se destina ao apartado de promoción comercial, está dotada de 19.000 euros. A Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación destaca o incremento na partida destinada á promoción económica, unha acción que “se considera imprescindible no actual momento económico, no que debemos prestar un maior apoio ao importante tecido empresarial de Ames”.

A Concellaría recorda, ademais, que a última liña de axudas ao comercio foi convocada polo anterior Goberno municipal con carácter bianual (comprendendo os anos 2009 e 2010) por un total de 42.000 euros. Polo tanto, o Concello de Ames destaca que “o incremento da contía das subvencións para o ano 2011 foi importante”, xa que, ademais, se fixo unha distribución dos fondos, dedicando máis á promoción comercial e engadindo as axudas para a iluminación de Nadal. Unha das accións que se levou a cabo foi eliminar a partida destinada a formación, que quedara deserta por falta de solicitudes nos últimos anos, para reorientala cara ao impulso á promoción comercial.

Distribución das axudas

No eido da promoción comercial, o Concello concedeu un total de 5.746 euros á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; 6.466 euros á Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI); un total de 2.499 para a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Boulebar, e 4.288 para a Asociación de Empresarios Polígono Novo Milladoiro.

En canto ao apartado de infraestruturas e equipamento, AEMI recibirá 1.704 euros; ACB, un total de 1.458 euros; AEPNM recibe 958 euros, e Viorneira Palmira Boulebar, un total de 217.

Por último, no capítulo correspondente á iluminación de Nadal, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro recibirán 6.000 euros cada unha.