- Tematica
A Concellaría de Benestar Social de Ames fai balance do segundo ano de funcionamento da Renda social e de garantía mínima e as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social, ao abeiro da que se aprobaron axudas por un total de 179.877,51 euros. Durante o ano 2019 concedéronse un total de 80 axudas de emerxencia e 31 rendas básicas municipais, por valor de preto de 75.000 euros. Asemade, destináronse 24.693 euros concedidos para alugueiros; preto de 59.000 euros para necesidades básicas; 7.500 euros para pobreza enerxética; preto de 2.300 euros para habitabilidade; 675 euros para gastos de comedor para maiores de 12 anos; 94,25 euros para medicamentos e 44 euros para transporte.
O goberno municipal fai balance do segundo exercicio dende a posta en marcha da ordenanza reguladora da Renda social e de garantía mínima e as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social. Mediante esta ordenanza, pretendese garantir unha contía económica mínima coa que os veciños e veciñas con recursos económicos e patrimoniais insuficientes poidan cubrir as súas necesidades básicas e que lles permita levar unha vida normalizada cunhas perspectivas de futuro favorables.
Así, durante o segundo ano de funcionamento, o Concello de Ames aprobou axudas por un total de 179.877,51 euros, para que veciños/as con recursos económicos e patrimoniais insuficientes puidesen cubrir as súas necesidades básicas. Así, de dita contía, preto de 75.000 euros destináronse a 31 rendas básicas, mentres que máis de 104.000 euros foron para solventar situacións de emerxencia social. A posta en marcha desta ordenanza trae consigo unha modificación substancial da anterior ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social municipal, cuxa principal diferencia radica na regulación de dous tipos de axudas.
A renda social
As rendas sociais están previstas para persoas, familias ou unidades de convivencia con recursos económicos insuficientes, en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión social, co fin de evitar, previr ou paliar posibles situacións de marxinación social, durante un período de seis meses, prorrogable. Por tanto, esta é unha prestación periódica, de natureza económica, temporal, subsidiaria e vinculada a un proxecto de inclusión social. O límite de ingresos para poder acceder a esta renda por unidade familiar ou de convivencia é do 100% do IPREM, incrementado nun 10% por cada membro adicional ata un máximo de 150% e esíxese tres meses de empadroamento.
Axudas á situacións de emerxencia
Por outra banda, as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social son prestacións económicas extraordinarias e puntuais para atender situacións de urxencia sobrevidas. Complementan as axudas sociais que establece a lexislación vixente e poden cubrir: necesidades básicas xerais e sanitarias, farmacéuticas e buco-dentais; uso e mantemento da vivenda; habitabilidade e pobreza enerxética; desenvolvemento de actividades de inserción socio-laboral e educativas; e transporte.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que “estas axudas danlle un pequeno respiro aos veciños e veciñas máis vulnerables. O aumento da partida e dos importes permítennos chegar a un maior número de poboación e de situacións que antes era impensable”.
As persoas, familias ou unidades de convivencia interesadas en optaren a estas axudas poden obter máis información nas oficinas municipais dos Servizos Sociais, situadas en Bertamiráns e no Milladoiro, ou poñéndose en contacto co departamento municipal de Servizos Sociais a través dos teléfonos 981 890 964 ou 981 535 941.
Novas relacionadas:
Compostela 24 horas: "Ames aprobou no 2019 un total de 179.877,51€ en concepto de renda social e axudas a situacións de emerxencia"