[16-01-2017] Ao longo de 2016 dende o departamento municipal de Servizos Sociais estiveron traballando co obxectivo de prestar unha atención destinada a mellorar as posibilidades e as condicións de vida de tódolos amesáns. Para elo os Servizos socias comunitarios básicos contan cun programa de información xenérica dende o cal se lles proporciona aos usuarios/as información, orientación e asesoramento. O pasado ano, buscando unha mellor xestión do servizo, fixéronse algúns cambios no departamento. O máis recente foi a incorporación, por unha acumulación de tarefas, dunha traballadora social máis, para reforzar o servizo de inserción social, e así poder axilizar os trámites. Outra das actuacións que cómpre destacar foi o incremento feito na prestación do Servizo de Axuda no Fogar.
Dende a Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade apostan fortemente polo Servizo de Axuda no Fogar xa que segundo explica a concelleira, Luísa Feijóo, “entendemos que non é un servizo sen máis, senón que é un dereito. Este servizo pasou a levalo integramente un traballador social dos Servizos sociais comunitarios básicos para así poñelo o día mellorando notablemente a súa xestión, adaptando, modernizando, unificando criterios, procedementos, etc. Iso fixo posible que o Concello asumise un incremento de 1.372 horas/mes neste servizo para poder chegar así a un maior número de usuarios e usuarias e podendo dispoñer outra vez de horas para o servizo en modalidade de libre concorrencia. Pasamos de prestar en dependencia no mes de xaneiro de 2016 unhas 1.969 horas, a 2.676 horas que se prestan na actualidade, quedando unhas 500 horas para seguir dando altas. Na modalidade de libre concorrencia pasamos de prestar 97 horas a 156, quedando aínda unha bolsa de 120 horas para esta modalidade”.
Ademais, no pasado mes de decembro aprobouse o expediente de contratación deste servizo a través dun procedemento aberto. Os pregos de contratación recollen un cambio nos criterios de valoración para darlle máis importancia á calidade do servizo e non tanto ao aspecto económico. A duración inicial do contrato que se sacou a concurso será de dous anos a contar desde o momento da súa sinatura, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos, incluído o período inicial e maila prórroga. O presuposto máximo de licitación é de 3.233.600,60 euros (incluídos os dous anos de contrato e mailos outros dous anos de prórroga).
Por outra banda, retomouse a comisión de desafiuzamentos. Neste senso traballouse conxuntamente cos Concellos de Teo e Santiago de Compostela na elaboración dun Protocolo de actuación para a prevención de desafiuzamentos e a atención das persoas afectadas, propoñendo un Servizo de Atención a Vivenda dende o que se ofrecerá información e apoio psico-social á veciñanza afectada. Ames tamén se adheriu, no pasado mes de maio, ao convenio de colaboración asinado entre o IGVS a a FEGAMP para o desenvolvemento do Programa Vivendas Baleiras.
Recuperación do Servizo de Atención ao Migrante
Luísa Feijóo recorda que “os migrantes de Ames tamén teñen un servizo de atención dirixido a eles, o SAMI, o que despois duns anos de letargo volvemos a darlle a relevancia que merece e participa activamente das actividades, mostras, asembleas e seminarios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Así, tamén se recuperaron os Encontros Interculturais, que no mes de setembro reuniu na Casa de Cultura do Milladoiro a numerosos veciños e veciñas para participar na degustación de pratos típicos de oito nacionalidades diferentes e no que se puido ver a actuación das Batuko Tabanka e maila exposición Galicia-Cabo Verde: unha irmandade.
Froito desta colaboración co Fondo Galego de Cooperación, a técnica de Turismo do Concello de Ames, Sonia Moure, participou no programa Vacacións con Traballo, polo que se desprazou a Cabo Verde para colaborar durante un mes cos parceiros do Fondo Galego apoiando o impulso ao turismo comunitario da man da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos. Dende o SAMI tamén se organizaron diversas exposicións: Galegos/as coma ti, xornadas sobre inmigración e o dereito á saúde, obradoiros de lingua e cultura, en colaboración so Servizo de Normalización Lingüística, etc.
Outras actuacións que se realizaron dende esta Concellaría, no ámbito dos servizos sociais, foron a renovación das tarxetas de estacionamento e accesibilidade do Concello, coincidindo coa entrada en vigor no pasado mes de abril da nova ordenanza municipal reguladora de ditas tarxetas. Deste xeito, unificáronse, mellorouse a súa calidade e facilitouse a comprobación das mesmas. Asemade, a comezos do pasado ano adxudicóuselle o Servizo de Transporte Adaptado a unha nova empresa o que supuxo un importante aforro para o Concello sen diminuír a calidade do mesmo.
Por último, cabe salientar as colaboracións levadas a cabo durante o pasado ano con diversas entidades, como a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través da cal seis nenos/as saharauís foron acollidos por familias amesás mediante o programa Vacacións en Paz. Tamén se asinou un convenio coa entidade BALRIAL, do que se beneficiarán as familias amesáns con menos recursos xa que ademais dos alimentos cos que se contaban no Banco municipal de alimentos (leite, pasta, arroz, legumes,...) agora o Concello dispón de produtos frescos (froita e hortalizas), comidas precociñadas, produtos de bebés para doarlles as familias que o necesitan.