Pestanas principais

O Concello de Ames busca a mellor fórmula para a xestión do cemiterio municipal

Venres, 19 de xullo de 2013

[19-07-2013] O Concello de Ames solicitou á Deputación da Coruña colaboración para a elaboración dun estudo económico-financeiro sobre a futura explotación do cemiterio municipal e dun tanatorio municipal, situado no lugar dos Batáns, preto do núcleo de Bertamiráns. O obxectivo do Goberno amiense con estas xestións é dar os pasos precisos para subsanar as deficiencias desta infraestrutura do municipio de Ames, que se atopa sen utilizar desde a súa finalización.

O cemiterio municipal de Ames foi construído e finalizado sen ter previsión de como se ía levar a cabo a súa xestión posterior. Por esta razón, o Concello de Ames está barallando e analizando todas as posibilidades, solicitando ademais asesoramento á Deputación, de cara á posta en funcionamento do cemiterio municipal. O Concello de Ames remitiu ao departamento de Servizo de Asistencia Económica a Municipios do organismo provincial unha solicitude para a realización dun estudo económico-financeiro sobre a explotación do cemiterio municipal e dun tanatorio. O Goberno amiense trasladoulle a información da que dispón respecto a esta infraestrutura. O proxecto do cemiterio municipal foi financiado con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local e supuxo un investimento superior aos 1.720.000 euros.

O cemiterio municipal de Ames está situado na parroquia de Ortoño, preto do núcleo de Bertamiráns, e a el accédese pola estrada local que une a C-543, dende o acceso a Aldea Nova co lugar de Batáns. O camposanto está composto por un recinto que alberga 1.976 nichos en panteóns e 55 nichos subterráneos. Este proxecto foi financiado con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local (FEIL), e custou algo máis de 1.720.000 euros. Para esta obra dispúxose dunha superficie de 24.600 metros cadrados na parroquia que Ortoño, dividida en dúas parcelas. Nunha das parcelas está o cemiterio e os aparcadoiros e noutra sitúase unha área de aparcamento para autobuses.