Pestanas principais

O Concello de Ames cederá á Xunta o terreo anexo ao centro de saúde de Bertamiráns

Mércores, 02 de outubro de 2024

O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, mantiveron unha xuntanza con Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade. Esta xuntanza de traballo celebrada nas dependencias da Consellería de Sanidade nos edificios administrativos de San Caetano, serviu para abordar a situación do centro de saúde de Bertamiráns.

O Goberno municipal de Ames mantivo esta mañá unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na que se abordaron diferentes temas que lle afectan á veciñanza de Ames. Deste xeito, púxose en coñecemento o a situación do centro de saúde de Bertamiráns e a necesidade dunha mellora e ampliación, así como  o equipo no PAC. O conselleiro comprometeuse a visitar o centro de saúde amesán para coñecer de primeira man as situacións plantexadas.  

O alcalde e maila concelleira de Promoción da Saúde trasladáronlle ao conselleiro a necesidade de poñer en marcha un proxecto de ampliación do centro de saúde de Bertamiráns que, con máis de 30 anos ao servizo da veciñanza amesá, precisa ser ampliado e reordenado para prestar un servizo de calidade, pois “está obsoleto e xa non responde ás necesidades dun concello das dimensións de Ames”, afirma o rexedor.  

O Concello de Ames cederá o terreo anexo ao actual centro de saúde para poder executar a súa ampliación. Proximamente o goberno municipal levará a pleno este tema para que poida ser tratado e aprobado, se procede, pola Corporación municipal. No pleno ordinario de agosto, celebrado o pasado 11 de setembro, aprobouse por unanimidade unha moción para que se atendan as necesidades técnicas e humanas do PAC e do centro de saúde de Bertamiráns.

Plan de saúde mental municipal 2024-2027
Por outra banda, púxose en coñecemento do conselleiro o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames, que será coordinado cos centros de saúde de Ames. É un plan global para previr, promover e atender á saúde mental da veciñanza amesá, especialmente entre nenos, adolescentes e persoas maiores. Trátase do primeiro plan de promoción de benestar emocional do Concello, que busca dar unha resposta estruturada ás necesidades reais que se detecten entre a poboación do municipio.

O plan de saúde mental inclúe diversas actuacións orientadas a diferentes colectivos. Por unha banda, realízanse intervencións de promoción do benestar emocional no ámbito escolar tanto no IES de Ames como no IES do Milladoiro. Ademais, tamén se inclúen programas de prevención de condutas aditivas e de educación afectivo-sexual para o alumnado de primaria e secundaria nos distintos centros educativos do concello. No relativo ás persoas maiores, existe un programa grupal de benestar emocional; e un espazo presencial de asesoramento técnico, coordinación e derivación, para responder ás demandas e problemáticas da poboación infanto-xuvenil e da terceira idade.

Ao mesmo tempo, existe un programa de cesación tabáquica, para axudar a todas aquelas persoas que queiran deixar de fumar, e realízanse formacións específicas en saúde mental para axentes sociais implicados directamente coa veciñanza, co obxectivo de proporcionar ferramentas e coñecementos para mellorar a atención e a intervención.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames pide ampliar el centro de salud de Bertamiráns y Os Tilos mejora el consultorio"

El Correo Gallego: "Ames le cederá a la Xunta un terreno anexo al centro de salud de Bertamiráns para ampliarlo"

Bisbarra: "O Concello de Ames cederá á Xunta o terreo anexo ao centro de saúde de Bertamiráns"

Imaxe da xuntanza mantida co conselleiro de Sanidade

Multimedia

  • Imaxe da xuntanza mantida co conselleiro de Sanidade