- Tematica
Co gallo da celebración do seu Día Mundial, a Escola de Teatro de Ames abrirase á veciñanza ao celebrar un obradoiro de aproximación a esta arte escénica. O taller, de balde, desenvolverase na praza de Chavián, en Bertamiráns, de 12:00 a 14:00 horas. Tratarase dunha actividade aberta e accesible, baseada en exercicios de “clown”, pantomima e teatro cómico para os que non cómpre experiencia previa.
Ames conmemora o Día Mundial do Teatro cunha nova proposta relacionada coas artes escénicas, nesta ocasión ao aire libre e nun espazo amplo que permitirá participar en diferentes graos, xa sexa intervindo na actividade ou simplemente achegándose a observar.
A Escola de Teatro de Ames desenvolverá un obradoiro de aproximación ao teatro, baseado en exercicios de “clown”, pantomima e teatro cómico. A actividade estará aberta a calquera persoa interesada, e sen que sexa precisa ningunha experiencia previa ou maior compromiso que o dunha mañá de ocio e lecer.
Deste xeito, búscase o fomento das vertentes pedagóxica e psicoformativa desta arte, a miúdo descoñecidas polo público. Asemade, quérese dar a coñecer as actividades teatrais existentes no Concello, así como consolidar o tecido cultural amesán. Neste senso, o obradoiro estará impartido por Fran Rei, un dos pallasos máis importantes da escena galega, apoiado polos docentes da Escola de Teatro, María Ordóñez e Diego Rey.
A celebración do Día Mundial do Teatro é parte da forte aposta que se realiza dende o Concello de Ames por esta disciplina artística. Na actualidade, o concello conta cunha programación estable de artes escénicas, con dezaseis funcións para o público adulto, infantil e familiar no primeiro semestre de 2022. Ademais, a Concellaría de Cultura facilita o acceso á veciñanza ás obras, con entradas a prezo reducido e coa emisión de bonos culturais, que permiten asistir ás representacións cun 50% de desconto.
Ames tamén apoia ás compañías, cedendo os seus locais municipais para ensaios de producións. Este reforzo tamén chega dende o ámbito formativo, xa que dende este curso Ames conta cunha Escola de Teatro Municipal, dirixida por Talía Teatro.
Novas relacionadas
Enfoques: "Ames celebra el Día Mundial del Teatro con un taller de aproximación gratuito al aire libre"