Pestanas principais

O Concello de Ames celebra mañá a XV Gala do Deporte na Casa da Cultura de Bertamiráns

Venres, 16 de decembro de 2022

A Concellaría de Deporte celebra mañá, sábado 17 de decembro, a décimo quinta edición da Gala do Deporte, un evento no que se homenaxeará aos e ás deportistas máis destacados/as do concello, así como ás diversas entidades deportivas. O acto terá lugar ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, e será presentado polos xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño. Ademais, ofreceranse distintos espectáculos e unha actuación de breakdance.

O Concello de Ames organiza a décimo quinta edición da Gala do Deporte, que se celebrará mañá, sábado 17 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Os xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño serán os encargados de presentar o evento. Polo momento, descoñécense os gañadores, e tan só se fixeron públicos os finalistas de cada categoría.

Os premios que se entregarán son os seguintes: deportista ou equipo máis destacado dun club de Ames, promesa masculina máis destacada, promesa feminina máis destacada, deportista masculino máis destacado e deportista feminina máis destacada. Así mesmo, como habitualmente, hai unha categoría reservada ao premio do público, que puido votar ata este xoves a medianoite polo/a seu deportista favorito/a: Borja Golán, Nuria Rábano, Guillermo Carracedo ou Hugo Novoa. Os gañadores dos galardóns serán desvelados na propia gala, que os espectadores tamén poderán disfrutar dunha actuación de breakdance e diversos espectáculos.

Deportistas e equipos máis destacados dun club de Ames
No referente á categoría do mellor deportista/equipo dun club de Ames optan ao premio o primeiro equipo do F.C. Meigas, o equipo infantil feminino do Basquet Ames 2021/2022 e Nuno Castro Albán, de Atletismo Millarraio.

No caso do F.C. Meigas, o seu primeiro equipo participa na categoría Preferente Galicia, e na tempada pasada acadou a terceira posición, a un punto do equipo que se clasificou de segundo. Na tempada actual, polo momento ostenta a primeira posición, sendo un dos máximos favoritos de ascenso á Segunda División.

Pola súa banda, as xogadoras do equipo infantil feminino do Basquet Ames durante a temporada 2021/2022 quedaron subcampioas galegas nesa mesmma temporada na Segunda División Infantil Feminino.

Por último, Nuno Castro Albán, de Atletismo Millaraio, tamén suma numerosos logros nas últimas dúas tempadas. Na etapa 2021/2022 quedou campión galego sub14 en salto de lonxitude en pista cuberta, bronce nos 60 metros do Campionato Galego e récord galego sub14 en salto de lonxitude, tamén en pista cuberta. Así mesmo, alcanzou o primeiro posto no ránking galego de salto de lonxitude e en 60 metros valos. Competindo en aire libre, logrou o posto de campión galego en salto de lonxitude e en lanzamento de xavelina. Doutra banda, logrou ser subcampión de España no Campionato Individual (no 1.000 metros de triatlón, salto de lonxitude e lanzamento de xavelina). Tamén no Campionato de España, na modalidade por equipos, acadou a medalla de ouro no salto de lonxitude e a medalla de prata no lanzamento de xavelina, así como o primeiro posto no ránking nacional sub14 en lanzamento de xavelina.

Ao longo desta tempada 2022, xa na categoría sub16, quedou subcampión galego de Probas Combinadas en pista cuberta, e no segundo posto do ránking galego en salto de lonxitude, tamén en sub16. Tamén logrou diversos recoñecementos en aire libre, quedando campión galego de lanzamento de xavelina, e acadando o bronce no Campionato Galego de Probas Combinadas, clasificándose así para participar no Campionato de España ao Aire Libre en lanzamento de xavelina.

Promesas masculinas e femininas máis destacadas de Ames
Na categoría de promesa masculina más destacada de Ames están nominados Saúl Berdullas Calviño, Nicolás Collazo Santamaría, Atila Antelo Martínez e Lucas Castillo Balsa; mentres que para a feminina as finalistas son Antía Veiga Caramés, María Estévez Vázquez e Mara Prieto Mariño.

No caso de Saúl Berdullas, xogador de tenis de 17 anos, quedou campión na temprada do 2021 no 14º Torneo Internacional cadete de Sanxenxo. Este ano 2022 logrou a primera praza no Campionato Galego Junior, e tamén foi subcampión do Torneo nacional IBP absoluto celebrado no Club Tenis Coruña, e campión do Open Absoluto Vila do Corpus en Ponteareas, cuarto finalista marca sub18 en Valencia, subcampión galego absoluto e cuarto finalista do ITF Oporto.

Por outro lado, Nicolás Collazo, que ten 15 anos e forma parte do club Ames Atletismo, quedou campión galego de sub16 de 5.000 metros marcha e foi escollido pola Selección Galega para participar no Campionato de España de marcha por federacións de Lepe. Así mesmo, tamén resultou gañador do 5.000 metros marcha do Campionato Galego sub16 por equipos, e quedou clasificado na terceira posición no Trofeo Josefina Romero de Marcha Atlética; campión galego sub16 de marcha en pista en 5.000 metros marcha no Campionato Galego de inverno de marcha en pista; e cuarto absoluto nesa mesma competición. Collazo tamén destacou como xogador de waterpolo, quedando subcampión na Liga Cadete Galega de Waterpolo e na Copa Cadete Galega.

Atila Antelo, de 12 anos de idade, foi campión do Open Mundial WAC en portugal en LIGHT CONTACT, segundo no campionato de Europa de COMBAT JIU-JITSU en Barcelona, primeiro no Open Nacional kick boxing en Salamanca, segundo no Campionato de España de Boxeo Formas en Marín, campión Galego de Grappling e campión galego de Kick boxing.

Lucas Castillo é xogador de squash, de 13 anos. No 2021 quedou campión de España e galego sub13, ademais de clasificarse no Campionato Galego sub15. No 2022 quedou quedou campión de España e galego sub13 e sub15, e foi terceiro clasificado na Copa Ibérica sub 19 en Vigo. Tamén foi sétimo no Spanish Junior Open sub15, un circuíto europeo.

En canto ás promesas femininas, Antía Veiga, futbolista de trece anos, foi nominada pola súa traxectoria como porteira. Dende os catro anos xogou no Bertamiráns F.C., club no que acadou diversos trofeos á mellor porteira en distintos torneos (no de Silleda, O Pino, O Rosal...). Actualmente segue competindo co Bertamiráns F.C. na categoría infantil da Liga Galega. Neste 2022, Veiga xogou coa Selección Galega Feminina sub15 as fases de clasificación para o Campionato Nacional, así como a semifinal e a final, torneo no que quedaron subcampioas de España. En xuño deste mesmo ano, disputou como convidada un torneo na localidade vasca de Azpeitia co Real Club Deportivo da Coruña. Na actualidade segue a adestrar coa Selección Galega Feminina sub15 de cara a afrontar as fases de clasificación do Campionato Nacional 2022-2023.

Tamén está nominada María Estévez, atleta de 14 anos. Estévez foi campioa galega en Probas combinadas por equipos, e participou no Campionato de España sub16 ao aire libre en Avilés, nos 1.500 metros obstáculos. Así mesmo, foi seleccionada coa Selección Galega para o Campionato de España sub16 por federacións, tamén no 1.500 metros obastáculos. Tamén logrou ser a terceira clasificada sub16 no Campionato Galego de probas combinadas por equipos e no Campionato Galego sub14 por equipos en pista cuberta. Logrou, ademais, facerse coa vitoria na Milla Urbana de Ames na categoría sub16.

A última finalista, Mara Prieto Mariño, ten 10 anos e xoga ao squash. Resultou clasificada na terceira posición no Campionato Galego sub11, sub15 e sub19 no 2020, e acadou a terceira posición na Copa Ibérica de Squash 2021 e no Torneo Squash Junior Borja Golán 2021. Por outra banda, acadou a segunda posición na Copa Ibérica 2021, celebrada en Oporto, e foi a quinta clasificada no Campionato de España de Squah sub11 - sub15 do 2022. No Campionato Galego clasificouse en terceiro lugar nas categorías sub13 – sub17 2022.

Deportistas masculinas e femininas máis destacadas de Ames
Na categoría masculina de deportistas destacados son finalistas Borja Golán Sanmartín, Hugo Novoa Ramos e Guillermo Carracedo Robelo, mentres que na feminina figuran Nuria Rábano Blanco, Yaiza Otero Rodríguez e Paula Blanco Prol.

Dunha banda, Borja Golán Santín, xogador de squash, este ano logrou facerse co título de campión de España na categoría absoluta por décimo sétima vez, tras quedarse ás portas nas finais de 2019, 2020 e 2021. Golán foi tamén subcampión de Europa por clubs en Riccione (Italia) e co equipo francés Mulhouse, gañando todos os partidos. Ademais, foi campión do torneo profesional (PSA) en Niort (Francia), que é a trixésimo terceira competición profesional que gaña dende o ano 2002. Por outro lado, foi campión de España con Galicia no Campionato de Seleccións Autonómicas (2021 e 2022), da Copa de España Absoluta e do Open Nacional de Palencia.

Así mesmo, tamén está nominado Guillermo Carracedo Robelo, que no 2022 quedou campión de Europa absoluto de paddle surf e subcampión do mundo coa selección española de surf mundial ISA. Carracedo está no top 7 do ránking mundial App Paddle Surf, e tamén logrou alzarse co título de campión de España e de Galicia na categoría absoluta tanto neste ano 2022 coma no 2021.

Tamén é candidato ao premio Hugo Novoa Ramos, xogador de fútbol. Na actualidade é dianteiro no equipo R.B. Leipzig da primeira división alemá (Bundesliga), e disputou a Champions League. Trátase do xogador máis novo do seu equipo na Bundesliga, competición na que debutou esta temporada, marcando un gol aos tres minutos de entrar ao terreo de xogo. Así mesmo, no 2022 acadou o seu primeiro título profesional, gañando a Copa de Alemaña co Leipzig. Tivo a oportunidade de xogar uns minutos na Europa League, no partido de cuartos de final contra o Atalanta. Paralelamente, foi convocado coa selección española sub21 o pasado verán.
No tocante á categoría feminina, Nuria Rábano Blanco xoga como lateral esquerdo no club FC Barcelona, na primeira división feminina española e na Champions League. Tamén é internacional coa Selección nacional absoluta feminina de España. Ademais, na tempada 2021/22 foi subcampioa de liga da Primeira división feminina coa Real Sociedad.

Polo seu lado, Yaiza Otero, xogadora de fútbol sala, participou na tempada 2020/2021 co Viaxes Amarelle FSF na Primeira División Nacional. Na tempada 21/22, co mesmo equipo, quedou campioa do primeiro grupo sa Segunda División Nacional, acadando o récord de partidos consecutivos gañados coa categoría, 25 de 26 posibles. Así, o equipo logrou o ascenso a Primeira División no play off. Tamén foi cuarta finalista da Copa Xunta, anotando 15 goles.

Para finalizar, Paula Blanco, cuxos deportes son o taekwendo-do ITF e kick boxing, logrou ser bicampeoa deste último no torneo de España 2021 e 2022, en pointfighting e light contact senior -55 quilos, campioa galega 2022 nesas mesmas modalidades e subcampioa en kicklight -60 quilos. Tamén logrou o bronce no Hungarian Kickboxing World Cup 2021. No referente a taekwondo-do, logrou clasificarse no Torneo Nacional Unificado 2022 -57 quilos, e gañou o Open Nacional FITE 2021 (no combate senior feminino -57 quilos).

A gala dará comezo ás 20:30 horas

Multimedia

  • O Concello de Ames celebra mañá a XV Gala do Deporte na Casa da Cultura de Bertamiráns