- Tematica
Os departamentos de Bibliotecas e de Normalización Lingüística amesáns preparan, co gallo da celebración do Día do Libro este sábado 23 de abril, unha serie de propostas ao longo de todo o día no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ao mediodía, ás 12:00 horas, presentarase a compilación dos textos gañadores da edición de 2021 do Certame Literario de Ames. Xa pola tarde, o pazo acollerá dúas sesións de contacontos para público infantil, de 17:30 a 19:30 horas, e outra para as persoas adultas, a partir das 19:30 horas, con servizo de conciliación incluído. Ademais, será o último día para participar no sorteo de 800 euros en vales para catro librarías amesás.
As bibliotecas amesás van pechar este sábado 23 de abril, Día Internacional do Libro dende 1996, o seu mes do libro, coa celebración dun conxunto de actividades de narrativa oral ao longo de toda a xornada. Estas propostas estarán acompañadas da presentación do libro cos textos gañadores no XVIII Certame Literario de Ames, que organiza cada ano o Servizo de Normalización Lingüística. Todas as actividades desenvolveranse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.
A presentación da compilación dos textos gañadores do Certame Literario de 2021 será o encargado de abrir a xornada, coa asistencia dalgunhas das persoas que resultaron vencedoras do concurso. O acto estará conducido polo xornalista e locutor de Ames Radio, Juan Luis Silva.
O propio sábado pola mañá terá lugar tamén a actividade “escape room literario” na biblioteca de Bertamiráns, despois de que este venres se desenvolva na propia do Milladoiro. As inscricións para esta proposta, dirixida á rapazada de 3º a 6º de primaria, xa están pechadas.
Pola súa parte, as sesións de narrativa para todos os públicos comezarán pola tarde, a partir das 17:30 horas, con “Contos nas orellas”, unha proposta para o público infantil da actriz e narradora Bea Campos. A continuación, será a quenda da escritora Charo Pita, que ás 18:30 horas continuará a oferta de narrativa para a cativada con “Menú de contos”. Unha vez rematada esta sesión, ás 19:30 horas, Charo Pita invita ao público adulto a “Baixo a lúa”, unha proposta que contará cun servizo de conciliación, no que as crianzas poderán gozar de varios obradoiros de manualidades.
Último día para participar no sorteo de 800 euros en vales para catro librarías amesás
O propio sábado 23 é tamén o último día para participar na rifa de cheques regalo para as catro librarías amesás Lenda, Máinomen e Huargo Artis, en Bertamiráns, e a papelaría O Tinteiro, no Milladoiro. Dende o 28 de marzo, cada persoa que merca libros leva unha papeleta que lle permite participar neste sorteo. Con esta proposta, o Concello, a través do seu departamento de Bibliotecas, busca tanto fomentar a lectura como promover o uso das librarías locais, colaborando co sector do libro ante a situación derivada do coronavirus e fomentando o comercio local.
O mércores 27 de abril celebrarase o sorteo público nas dúas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns, ás 11:00 e ás 12:00 horas, respectivamente. Unha vez seleccionadas as persoas gañadoras, ata o 7 de maio o departamento poñerase en contacto con elas para facerlles entrega dos vales. Cada participante só poderá recibir un vale, que se poderá gastar na propia libraría onde foi entregada a papeleta gañadora. Os gañadores e gañadoras terán ata o 31 de maio para gastar o seu cheque na libraría que lles corresponda.
Concurso infantil de debuxo sobre o libro e a lectura
Tamén continúa aberto o prazo para participar no concurso infantil de debuxo sobre o libro e a lectura, ao que a rapazada amesá pode presentar os seus debuxos. Os mellores deseños levarán un lote de libros e ocuparán uns marcapáxinas conmemorativos que se repartirán o Día da Biblioteca, o próximo 24 de outubro.
Haberá dúas categorías: a primeira, de 6 a 9 anos, mentres que a segunda irá dos 10 aos 12. Os debuxos poden presentarse nas propias bibliotecas ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal, do 1 ao 30 de abril.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Visitas guiadas a bibliotecas y reparto de ejemplares por el Día do Libro"
El Correo Gallego: "Día do Libro con contacontos para todos e antoloxía amesá de obras gañadoras"