Pestanas principais

O Concello de Ames celebra o Día Internacional da Muller cun acto institucional e unha andaina guiada pola ruta 8M

Sábado, 05 de marzo de 2022

Ames conmemora este martes 8 de marzo o Día Internacional da Muller co acto central da súa programación do 8M, a habitual homenaxe na praza do Concello, en Bertamiráns. Será ás 17:30 horas, cando se procederá á lectura do manifesto institucional. Ao rematar, realizarase de forma guiada a ruta urbana 8M partindo dende a praza da Maía, onde o pasado ano se instalara un monólito en honra á escritora amesá Filomena Fraga. Pódense consultar os actos do 8M ao completo premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames organiza un ano máis unha serie de actividades conmemorativas o 8 de marzo, nesta ocasión cunha proposta similar a do ano 2021. A partir das 17:30 horas, os grupos da Corporación municipal colocaranse na fachada da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, para ler de maneira conxunta o habitual manifesto institucional.

Unha vez rematada a homenaxe, os actos continuarán na praza da Maía, onde dará comezo unha saída guiada pola ruta urbana 8M, que fora estreada o pasado ano e que percorre as zonas verdes de Bertamiráns destacando a 11 mulleres polas súas accións a prol da igualdade.

As figuras representadas nos monólitos do itinerario, que conta dúas versións (unha curta de cinco quilómetros e outra longa, de oito) son as anarquistas e represaliadas Coralia e Maruxa; a impulsora do sufraxio feminino, Clara Campoamor; a escritora e pioneira do feminismo en España, Concepción Arenal; as irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega, primeiras médicas licenciadas na USC; a escritora Emilia Pardo Bazán; Marcela e Elisa, as primeiras mulleres que casaron en España; a guerrilleira María Araujo; María Purificación Gómez, a única muller alcaldesa da Segunda República; a pintora Maruja Mallo; Rosalía de Castro, a voz máis universal das nosas letras, e a escritora amesá Filomena Fraga.

Os actos polo 8M continuarán ao longo da semana, coa celebración o sábado 12 ás 11:30 horas, no parque do Ameneiral de Bertamiráns, da carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesmas metas”, para a cal as inscricións xa están abertas. O mesmo sábado, as bibliotecas municipais realizan ao rematar este evento a presentación da revista Mujerart Magazine, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

A programación ao completo dos actos do 8M en Ames pódese consultar premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "El 8M llena Compostela de reivindicación a través de manifestaciones, charlas y premios"

O Concello de Ames celebra o Día Internacional da Muller cun acto institucional e unha andaina guiada pola ruta 8M

Multimedia

  • O Concello de Ames celebra o Día Internacional da Muller cun acto institucional e unha andaina guiada pola ruta 8M