- Tematica
O departamento de Benestar Social do Concello de Ames colabora coa Fundación Compostela Down para a conmemoración, o próximo sábado 21 de marzo, do Día Mundial da Síndrome de Down. A partir de mañá, mércores 18 de marzo, haberá unha pancarta no balcón da Casa do Concello para a conmemoración deste día. Ademais, o concello anima á veciñanza a participar na campaña #CalcetínsDesparellos a través das redes sociais.
O próximo sábado, 21 de marzo, é o Día Mundial da Síndrome de Down. Para a súa conmemoración, o Concello de Ames colabora coa Fundación Compostela Down na campaña “Tan diferentes como iguais”, que busca contribuír a acadar unha sociedade máis inclusiva.
Desta maneira, a partir de mañá, mércores 18 de marzo, colgará unha pancarta conmemorativa do Día Mundial da Síndrome de Down na Casa do Concello de Bertamiráns. Pero non será a única actividade que faga o departamento de Benestar Social para a conmemoración deste día, xa que tamén se levará a cabo unha campaña nas redes sociais.
Súmate á campaña #CalcetínsDesparellos
A campaña #CalceltínsDesparellos quere apostar pola inclusión contribuíndo a acadar unha sociedade máis xusta. Unha iniciativa que xa se celebrou o ano pasado e que pretende encher de calcetíns de colores as redes sociais.
Para participar, os días 20 e 21 de marzo, pon calcetíns desparellos, a poder ser, de cores. Posteriormente, fai unha fotografía con eles e compártea nas redes sociais cos cancelos #TanDiferentesComoIguais #CalcetínsDesparellos #CalcetinesDesparejados e #DíaMundialSíndromeDown.
Cómpre recordar que aínda nos encontremos vivindo unha situación excepcional debido á alerta sanitaria provocada polo COVID-19, non debemos esquecernos de seguir loitando por unha sociedade máis inclusiva. Así, o concello invita ás familias a sumarse a esta iniciativa neste período de corentena nos fogares.
Día Mundial da Síndrome de Down
En decembro do ano 2011, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 21 de marzo como o Día Mundial da Síndrome de Down. Con esta celebración, búscase xerar unha maior conciencia pública sobre a cuestión e recordar a valía e as valiosas contribucións das persoas con Síndrome de Down, así como a importancia da súa autonomía e a independencia individual, en particular a liberdade de tomar as súas propias decisións.
O Síndrome de Down, a pesar de que moitas persoas o crean, non é unha enfermidade. É unha condición, que ocorre cando aparece unha alteración xenética nos cromosomas. O normal é que as persoas ao nacer teñan 46 cromosomas, pero no caso dos recén nacidos con Down, este número é maior.
Isto débese a un proceso de división que da como resultado un cromosoma máis, chamado trisomía 21. De aí o por que da elección do Día Mundial da Síndrome de Down o día 21 do mes 3 do ano, para simbolizar esa trisomía.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames se lanzará a desparejar calcetines por el Día del Down"