Pestanas principais

O Concello de Ames colabora na novena edición da cea solidaria co pobo saharauí en apoio ao programa Vacacións en Paz

Luns, 24 de febreiro de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, colabora coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que desenvolve o programa Vacacións en Paz, a través do cal as familias do municipio poden acoller durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís. Un ano máis Ames colabora na novena edición da cea solidaria en apoio ao programa Vacacións en Paz, que se desenvolverá o próximo día 7 de marzo, ás 21:00 horas, no Restaurante Paz Nogueira, que está situado en Santiago de Compostela. Para asistir á cea pódese contactar con Esther Ybarra, voceira na zona da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, chamando aos números de teléfono 609 76 49 45 / 986 26 26 37 ou enviando un correo ao enderezo electrónico a info@sogaps.org.

Un ano máis, as familias de acollida de Ames, Santiago, Brión e Teo organizan unha cea solidaria co obxectivo de sufragar o programa Vacacións en Paz, da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Desta maneira, os fondos recadados con esta iniciativa, que acada a súa novena edición, destínanse integramente ao financiamento dos billetes de avión das nenas e nenos saharauís que cada verán veñen a Galicia. O obxectivo é, coma sempre, que poidan viaxar o maior número posible de crianzas. En 2019, foron 11 nenas e nenos os que pasaron o verán con familias amesás.

A cea solidaria deste ano realizarase o sábado, 7 de marzo, no restaurante compostelán Paz Nogueira, a partir das 21:00 horas. Haberá un menú para adultos de 30 euros e outro infantil de 17 euros. Ademais, tendo en conta o éxito da ambientación das ceas anteriores, este ano a organización decidiu orientar a temática nos anos 20, baixo o lema Felices Anos 20. Para asistir á cea, á que non é obrigatorio acudir disfrazado, pódese contactar con Esther Ybarra, voceira na zona de SOGAPS, a través dos números de teléfono 609 76 49 45 / 986 26 26 37 ou do enderezo de correo electrónico a info@sogaps.org.

O Concello de Ames actúa como mediador
O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, para que varios nenos/as saharauís poidan pasar os meses de verán con familias amesás. A través deste programa o pasado ano 11 rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de pasar o verán en Ames. O Concello colabora exercendo labores de publicidade, mediación entre as familias e a asociación e xestión da estadía das nenas e nenos saharauís en Ames.

Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes/as cativos/as, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Pais da Maía, Santiago e Teo animan a acoller nenos do Sáhara cunha cea"

 

Cartel da novena edición da cea solidaria co pobo saharauí en apoio ao programa Vacacións en Paz

Multimedia

  • Cartel da novena edición da cea solidaria co pobo saharauí en apoio ao programa Vacacións en Paz