Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora este sábado o 25N con diversas actividades

Venres, 24 de novembro de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade, organiza un ano máis unha programación especial para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller. Entre as actividades previstas para este sábado inclúense a lectura dun manifesto institucional, unha andaina contra as violencias machistas e un concerto do grupo The Tetas Van. A Plataforma Feminista de Ames colabora no acto institucional que organiza o Concello este sábado, ás 11.00 horas, na praza do Concello.

Un ano máis, Ames acolle unha serie de actos e obradoiros con motivo do  Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, que se conmemora este sábado 25 de novembro. O obxectivo desta programación é poñer o foco na concienciación sobre a violencia machista e as súas consecuencias.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, explicou que “un ano máis o Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organizou un amplo programa de actividades para conmemorar o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. O acto institucional do 25N realizarase este sábado pola mañá diante da Casa do Concello e continuará con actividades máis lúdicas como son unha andaina e mailo concerto a cargo do grupo The Tetas Van”.   

Música e andaina 25N
Este sábado os actos de conmemoración comezan ás 11:00 horas, coa lectura dun manifesto institucional diante da Casa do Concello. A continuación, a Plataforma Feminista de Ames levará a cabo unha performance, que amosará os anceios e as esperanzas de cada unha das 52 mulleres que foron asasinadas por mor da violencia de xénero en 2023.

Esta mesma plataforma ten previsto un acto o día 29 de novembro, como parte do seu programa de conmemoración do 25N. Neste caso, será unha xornada chamada “Amar o universo dixital: praceres e riscos” para abordar o amor nas redes sociais e os perigos que supón. Estará dirixida a familias, adolescentes e formadores.

A programación do Concello con motivo do 25N continúa este sábado cunha andaina contras as violencias machistas baixo o nome “Achégate á Igualdade”. A andaina comezará na praza do Concello de Bertamiráns ás 11:30 horas. Conta cun percorrido de de preto de 5 quilómetros e medio. Comeza e remata en Bertamiráns. As actividades do 25N rematarán co concerto do grupo The Tetas Van na Casa da Cultura do Milladoiro ás 20:00 horas.

Unha conmemoración que comezou o 16 de novembro
A programación especial para o 25N comezaba o pasado 16 de novembro coas XIII Xornadas Achégate á Igualdade, que este ano tiveron como lema “Quere formar parte? Novas masculinidades, novas oportunidades”. Celebráronse na Casa da Cultura de Bertamiráns e nelas participaron psicólogos, deportistas, sexólogos e traballadores sociais.

As actividades continuaron o 23 de novembro na Casa da Cultura do Milladoiro, coa actuación do combo de voces da Escola Municipal de Música de Ames e coa representación da obra “Golpes” por parte da compañía teatral aAntena.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Paso á fronte contra a violencia"

Cartaz da programación para a conmemoración do 25N

Multimedia

  • Itinerario da andaina "Achégate á Igualdade"
  • Cartaz da programación para a conmemoración do 25N