Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora o Día da Muller e a Nena na Ciencia cun Roteiro Maker nos colexios de Agro do Muíño, A Maía, Barouta e Ventín

Venres, 16 de febreiro de 2024

O Roteiro Maker, unha furgoneta que organiza obradoiros itinerantes gratuítos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, visitará os colexios de Agro do Muíño, A Maía, Barouta e Ventín entre os días 20, 21, 22 e 23 de febreiro para conmemorar o Día da Muller e a Nena na Ciencia. O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación desta iniciativa coa que o Concello de Ames busca dar a coñecer a figura das mulleres en diversas áreas científicas. A empresa Mirabelle Comunicación Audiovisual elaborará un vídeo sobre esta iniciativa que servirá para difundir o Roteiro Maker na Red Innpulso.

Esta mañá foron presentados no Concello de Ames os obradoiros que o Roteiro Maker vai impartir nos centros de ensino de educación infantil e primaria do concello: o martes 20 estarán no CEIP de Barouta, o mércores 21 no CEIP A Maía, o xoves 22 no CEIP Agro do Muíño, e o venres  23 no CEP de Ventín. Trátase de obradoiros itinerantes gratuítos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía. Con esta iniciativa conmemorase o Día da Muller e a Nena na Ciencia.

Ao acto de presentación acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica e Innovación, Ana Belén Paz; a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto; a representante da consultora Designthinking.gal, Rebeca Mariño; o técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago; e mailos representantes de Mirabelle Comunicación, Rocío González e Miguel Martinez.

O alcalde de Ames, Blas García, salientou que “estes obradoiros tamén forman parte da área de igualdade ao destacar o papel fundamental que tiveron e teñen as mulleres na ciencia”. Así mesmo, tamén explicou que “co Roteiro Maker búscase achegar aos máis pequenos o traballo que se realiza nas áreas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). É importante que traballen nestas áreas nos colexios e reforzadas neste caso con esta actividade impulsada dende o Concello”.

Ademais, explicou que “nos vindeiros meses imos a crear mesas de traballo cos sectores locais do audiovisual e tecnolóxico, que son moi importantes e potentes dentro do noso concello. Queremos ter contacto constante e continuado no tempo con estes dous sectores con reunións periódicas para tratar de traballar de xeito conxunto. Isto farémolo no marco da Red Innpulso e co obxectivo de potenciar a innovación e maila tecnoloxía”.   

A concelleira de Promoción Económica e Innovación, Ana Belén Paz, destacou que “o Concello de Ames quere poñer en valor o Día da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebrou o 11 de febreiro. Despois de falar cos centros educativos dixéronnos que a mellor semana para desenvolver esta actividade é a do 20 de febreiro, polo que ao longo da próxima semana levaremos aos diversos centros educativos un Roteiro Maker con distintas estacións con actividades deseñadas para que todos os rapaces e rapazas participen en todas elas: Estación Espacial, dedicada a Alyssa Carson; Estación Realidade Aumentada, centrada na figura de Ángela Ruiz; e Estación Ciencia Botánica dedicada a Jane Colden. Esta iniciativa contribúe a destacar o papel de Ames dentro da Red Innpulso como cidade da ciencia e da innovación”.

Ana Belén Paz tamén dixo que “a produtora Mirabelle Comunicación Audiovisual vai a realizar un vídeo, que disporá de linguaxe de signos, para difundir esta iniciativa dentro da Red Innpulso”.

Pola súa banda, a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, agradeceu a colaboración dos centros educativos implicados e fixo referencia ao obxectivo central destes obradoiros: “Pretendemos que as nenas amesás teñan un papel decisivo nas comunidades científicas e tecnolóxicas e reforcen a súa participan nestes eidos. Con esta iniciativa buscamos facer referencia a esas mulleres que fixeron historia como Marie Curie, e outras mulleres que traballan na loita contra o cancro como é o caso de Sara García Alonso. De cara ao futuro precisamos destas mulleres para traballar en prol dos avances tecnolóxicos” Carmen Porto rematou dicindo que esta iniciativa faise “polas mulleres que non puideron, polas que se atreveron e polas nosas nenas; polo seu pasado, polo presente e polo noso futuro”.

Rebeca Mariño, da consultora Designthinking.gal, agradeceulle ao Concello de Ames “por contar con nós para conmemorar o Día da Muller e a Nena na Ciencia levando o Roteiro Maker aos centros escolares de primaria. En VermisLAB levamos dez anos traballando con pequenas/os makers, para que desenvolvan a súa creatividade traballando en equipo e reflexionando sobre os valores éticos do contido dixital que creamos e consuminos. O Roteiro Maker é un proxecto que ademais de poñer en valor as ciencias e novas tecnoloxías, achégaselle ao alumnado a figura de mulleres que son referencia na actualidade”.

O Roteiro Maker: tres estacións de actividades
Robótica, ciencia e tecnoloxía á man de todas e todos. O Roteiro Maker pretende achegar a ciencia e a tecnoloxía ofrecendo diferentes obradoiros gratuítos para tódolos públicos e nun formato innovador e divertido.

No concello de Ames levaranse a cabo catro xornadas de mañá con tres estacións diferentes, nas que se tratará unha disciplina científica e a figura dunha muller destacada nesa área. Nelas participarán arredor de 400 rapaces e rapazas de segundo e terceiro ciclo de educación primaria.

A primeira será a Estación Espacial, na que se falará sobre Alyssa Carson, unha rapaza de 21 anos que se converteu na persoa máis nova en ingresar na Advanced Space Academy e que aspira a converterse nunha das primeiras persoas en pisar Marte. Nesta estación o alumnado tamén aprenderá como se utiliza a impresión 3D na exploración espacial, tanto para deseñar foguetes como para crear bases espaciais.

A segunda estación será a de Realidade Aumentada, centrada na figura de Ángela Ruiz Robles, mestra e inventora galega recoñecida como a precursora do libro electrónico.

A derradeira parada será a Estación Experimentos, onde o alumnado poderá achegarse á figura de Jane Colden, unha botánica que catalogou máis de 300 especies de plantas e que está considerada como a primeira muller científica de América. Tamén aprenderán a crear mostras e velas no microscopio, onde poderán observar diversas mostras de microorganismos e plantas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Talleres sobre la realidad aumentada, el espacio y botánica para 400 alumnos en Ames"

Imaxe da presentación do Roteiro Maker

Multimedia

  • Imaxe da presentación do Roteiro Maker
  • Imaxe da presentación do Roteiro Maker
  • Cartaz do Roteiro Maker