Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora o Día das Letras Galegas durante todo o mes de maio

Xoves, 10 de maio de 2012

[10-05-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medioambiente, Sanidade e Cultura, conmemora durante todo o mes de maio as Letras Galegas. A celebración desta festividade comezou a semana pasada coa realización do obradoiro Galego de Cine, que se enmarca dentro do programa FalaRedes, e no que participaron arredor de 40 nenos/as. A programación continua o martes 15 na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:30 horas, coa narración de varios contos con música sobre a vida e a obra de Valentín Paz Andrade. Esta actividade está aberta a todos os públicos. O propio día das Letras Galegas, 17 de maio ás 18:00 horas, celébrase o acto de entrega dos premios do IX Certame Literario Concello de Ames e do IV Certame Artístico-Literario Intercentros. Ademais, entre o 2 e o 31 de maio pódese visitar unha exposición sobre Valentín Paz Andrade na Casa da Cultura do Milladoiro.

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas o Concello de Ames organizou diversas actividades para homenaxear as nosas letras e a Valentín Paz Andrade. Os actos comezaron a semana pasada co obradoiro Galego de Cine, que estivo dirixido a nenos/as de 6 a 12 anos. Arredor de 40 nenos e nenas participaron nesta actividade, que se enmarca dentro do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este obradoiro posto en marcha a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames pretendeu promover o achegamento dos rapaces e rapazas amienses ao cinema galego e en galego ao tempo que se incentiva o uso da lingua. A actividade desenvolveuse o mércores 2 de maio no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro e o xoves 3 na Praza de Chavián de Bertamiráns.

A programación sobre a conmemoración do Día das Letras Galegas continúa o vindeiro martes, 15 de maio, cun contacontos con música sobre a vida e a obra de Valentín Paz Andrade. A través deste contacontos musicado os veciños e veciñas de Ames poderán coñecer a vida e a obra do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas. A compañía Xandobela será a encargada de traer esta actividade ao Concello de Ames. O acto está dirixido a todos os públicos e desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns. A cita será ás 20:30 horas.

Para o propio día das Letras Galegas, o 17 de maio, está preparado un acto literario-musical, no que actuará a Escola Municipal de Música de Ames e se fará entrega dos premios do IX Certame Literario e do IV Certame Intercentros Concello de Ames. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro será o epicentro da celebración deste evento que comezará a partir das 18:00 horas.

Ademais, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle entre o 2 e o 31 de maio unha exposición sobre Valentín Paz Andrade cedida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística na que se realiza un percorrido pola vida e obra do homenaxeado.