- Tematica
Ames conmemora este mércores, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller co evento central da súa programación con motivo do 8M, un acto institucional da praza do Concello, en Bertamiráns. A partir das 18:00 dará comezo a lectura do manifesto institucional. Ao rematar, os asistentes poderán gozar dunha actuación musical ofrecida polo alumnado da EMMA. As actividades do 8M ao completo pódense consultar premendo nesta ligazón.
O Concello de Ames, a través do departamento de Igualdade, organiza un ano máis unha batería de actividades conmemorativas o 8 de marzo. Nesta ocasións estanse a desenvolver diversas iniciativas, como unha carreira feminista, obras de teatro, un programa dirixido a vítimas de violencia de xénero e mulleres vulnerables, obradoiros de autocoidado e unha exposición fotográfica.
Mañá mércores terá lugar o evento central da programación, o xa tradicional acto no que se lerá un manifesto institucional para conmemorar o 8M. Arredor das 17:45 horas comezará a repartirse material promocional na praza do Concello, en Bertamiráns. Ademais, os asistentes disporán de diversos “bocadillos” co símbolo feminista e con diversas frases que pretenden contradicir algúns dos mitos máis comúns do amor romántico. Quen o desexe poderá utilizar ditos “bocadillos” a modo de photocall para fotografarse.
Posteriormente, ás 18:00 horas, na propia praza do Concello, dará comezo o acto institucional. Os diversos grupos da Corporación municipal colocaranse diante da fachada da Casa do Concello de Ames para ler o manifesto de maneira conxunta. Unha vez rematada a lectura, os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) ofrecerán unha actuación musical, e Plataforma Feminista de Ames realizará unha performance.
Actividades polo Día Internacional da Muller
As actividades polo 8M continuarán ao longo das vindeiras semanas. Este sábado, 11 de marzo, ás 11:30 horas, terá lugar a unha nova edición da carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”, que pretende reivindicar os atrancos aos que se enfrontan as mulleres no seu día a día. As inscricións pódense facer de balde premendo nesta ligazón ou de maneira presencial (nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello no Milladoiro ou en Bertamiráns), ata este venres, día 10.
Por outra banda, xa se están a desenvolver diversos obradoiros e charlas de autocoidado feminino impartidos por expertos en regulación emocional e hábitos saudables. Terán lugar os mércores e xoves do mes de marzo, na Casa dos Maiores de Bertamiráns e na Casa da Cultura do Milladoiro. O programa ao completo pódese consultar aquí.
Así mesmo, o venres 17 de marzo o auditorio da Casa do Milladoiro acollerá a representación da obra de teatro “A señora de Forcadela”, ás 20:30 horas. Nela nárrase a vida da mestra Josefina García Segret, retida na prisión de Tui durante a Guerra Civil, así como doutras mulleres que foron aprisionadas na mesma época. Os convites, de balde, están xa dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello.
O itinerario do 8M rematará coa exposición fotográfica “Sinaladas”, ofrecida pola Deputación da Coruña e organizada en colaboración co departamento de Cultura, que se poderá visitar no Milladoiro dende o 27 de marzo ao 21 de abril, e que xirará arredor da loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Dos manifestaciones en Santiago y actos en cada concello por el 8M"
AMS GO!: "Ames volve reclamar igualdade neste 8-M"