Pestanas principais

O Concello de Ames conmemora Santa Icía e mailo 25N coa programación “Novembro Cultural”

Martes, 21 de novembro de 2023

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, Centro de información á Muller e Servizo de Normalización Lingüística, organizou o programa “Novembro Cultural”, que recolle actividades musicais e espectáculos de danza e teatro relacionados coa celebración de Santa Icía e coa conmemoración do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. A maior parte das actividades de dita programación realízanse esta semana con motivo da celebración de Santa Icía o 22 de novembro e maila conmemoración do 25N.

O Concello de Ames organizou un novo programa cultural para este mes de novembro. Trátase dunha programación que recolle actividades musicais e espectáculos de danza e teatro relacionados coa celebración de Santa Icía e coa conmemoración do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller.

Mércores, 22 de novembro, día de Santa Icía
“Novembro Cultural” comezou o sábado, 11 de novembro, ás 18.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns co concerto de corais a cargo da coral Lembranzas de Santa Cruz de Oleiros, da coral polifónica Antonio Santomil de Bugallido e do grupo amesán Pandereteiras de Costaneira.

A programación continúa este mércores, 22 de novembro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa actuación da Escola Municipal de Música de Ames. Actuarán os combos de voces, xuvenil e de adultos. Esta actuación farase con motivo da celebración do día de Santa Icía que é patroa dos músicos.

Concerto de piano a cargo de Álvaro Sieira
O día seguinte, o xoves 23, ás 20.00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a actuación de Alvaro Sieira que ofrecerá un concerto de piano. O concerto ten unha duración aproximada de 1 hora e 15 minutos e ofrece unha viaxe sonora por distintos países e épocas da historia musical. O programa do concerto está composto pola interpretación de seis pezas para piano compostas por Johannes Brahms (Op. 118): Nº 1 Intermezzo: Allegro non assai, ma molto apassionato; Nº 2 Intermezzo: Andante teneramente; Nº 3 Ballade: Allegro energico; N.º 4 Intermezzo: Allegretto un poco agitato; Nº 5 Romance: Andante; Nº 6 Intermezzo: Andante, largo e mesto.

Tamén interpretará a Sonata para piano en si menor, S.178, que é unha composición musical para piano escrita por Franz Liszt. Está considerada como unha das máis grandes pezas para piano e tamén como unha das máis difíciles. É unha das obras crave do piano no Romanticismo.

Álvaro Sieira deu concertos en toda España coas obras para piano máis representativas dos grandes compositores. Os máis recentes son en León (Fundación Eutherpe), en Santiago de Compostela (Auditorio do Edificio Fontán, Ciudad da Cultura), en Madrid (Madrid Music Hall), en Ourense (Liceo Ourensán, CMUSOU, conservatorio Karl Nielsen), nos Conservatorios superiores de Vigo e A Coruña, en Braga (museo Nogueira da Silva), e outras cidades como Verín, Xinzo, Oviedo e Alacante, entre outras.

Concerto EMMA e obra de teatro “Golpes”
Ese mesmo día, o xoves 23 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas, dentro da programación con motivo do 25N, actuará o combo de voces da Escola Municipal de Música de Ames e representarase a obra de teatro Golpes, a cargo da compañía aAntena. Trátase dunha peza que afonda dun xeito directo e fuxindo do tráxico en como nas accións máis cotiás nace o “Golpe” da desigualdade e chega á violencia machista. Os convites poden adquirirse na Billeteira electrónica.

O venres 24, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, representase o espectáculo “Mulleres de pedra” con María da Pontragha. Trátase dun espectáculo para nenos e nenas a partir dos 3 anos no que se narran contos e historias de mulleres fortes e eternas. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. A inscrición estará aberta do 16 ao 23 de novembro ata completar aforo.

Performance de música e danza “Bolboreta”
O venres 24, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, representarase a performance de música e danza “Bolboreta” de Emsemble Verxel. Esta agrupación está formada por 2 bailaríns e coreógrafos e 6 músicos (violín, viola, violoncello, piano, frauta e clarinete). Este conxunto galego conta cunha ampla maioría feminina e realiza unha performance na que trata de achegar o arte contemporáneo a todo tipo de público, empregando a mistura de disciplinas artísticas como a danza, a música e o teatro.

Bolboreta é unha performance na que se establece un paralelismo entre a transformación dun ovo de verme nunha bolboreta, coa transformación dunha relación nun inferno. A través das diferentes fases da metamorfose (Ovo, larva, crisálide e bolboreta) exprésase as situacións que sofre unha vítima de violencia de xénero. Unha denuncia do maltrato, o machismo e o patriarcado levada a todos os públicos a través dun proceso tan sinceiro, visible e clarividente como é a vida dunha bolboreta de seda.

Concerto do grupo The Tetas Van
A programación de “Novembro Cultural” remata co concerto do grupo The Tetas Van, que ofrecerán o sábado, 25 de novembro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Este concerto enmárcase dentro das actividades programadas para conmemorar o 25N.

O Concello de Ames conmemora Santa Icía e mailo 25N coa programación “Novembro Cultural”

Multimedia

  • O Concello de Ames conmemora Santa Icía e mailo 25N coa programación “Novembro Cultural”