Pestanas principais

O Concello de Ames conmemorou o día das Letras Galegas cun acto literario-musical no que se entregaron os premios dos certames Literario e Intercentros

Sábado, 17 de maio de 2014

[17-05-2014] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a conmemoración do Día das Letras Galegas, que este ano estivo dedicado ao poeta Xosé María Díaz Castro. O evento, que foi un éxito de público, comezou coa actuación dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Ames e continuou coa entrega dos premios do VI Certame Artístico Literario Intercentros e do XI Certame Literario do Concello de Ames. Este evento estivo presidido pola concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, que estivo acompañada do concelleiro de Educación, Bernardo Moar. Tamén asistiron os concelleiros/as da corporación municipal Carmen Fraga e Ramón García Argibay. Ademais, o evento contou coa participación do presidente de Feiraco, José Montes Pérez.

A celebración comezou coa actuación do coro da Escola Municipal de Música de Ames, que interpretou as cancións populares 'Muiñeira do Alén' e 'O Rosa'. A continuación, o xornalista, Juan Luís Silva, fixo un repaso da vida e da obra do poeta Xosé María Díaz Castro, e Ismael Ramos Castelo, que conseguiu o primeiro premio da terceira categoría de poesía do Certame Literario, recitou o poema Penélope de Díaz Castro.    

De seguido, comezou a entrega de premios da sexta edición do Certame Artístico-Literario Intercentros, dirixido aos alumnos e alumnas do segundo e terceiro ciclo de educación primaria do Concello de Ames. Os galardóns foron entregados pola concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e polo concelleiro de Educación, Bernardo Moar.

Despois da entrega dos premios do Certame Literario Intercentros foi a quenda dos galardoados/as no certame Literario do Concello de Ames, que este ano cumpriu a súa décimo primeira edición e que xa se ten convertido nun referente en toda Galicia. Este ano o xurado encargado de elixir os premiados/as estivo composto polos recoñecidos autores do panorama literario galego; Begoña Caamaño, Carlos Negro e Charo Pita. Neste caso, os premios foron entregados pola concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e o presidente de Feiraco (empresa colaboradora do certame), José Montes Pérez.

Presentáronse 130 traballos
Este ano presentáronse un total de 130 traballos. Na modalidade de narrativa presentáronse 76 textos, mentres que na modalidade de poesía houbo 64 textos orixinais presentados. Cómpre destacar que 5 dos premiados son de Ames. Polo tanto dos 18 premios concedidos, 5 foron gañadores por escritores/as amienses. A ampla participación nesta convocatoria é unha mostra da acollida que ten este certame entre os novos creadores e creadoras, un certame que, nos seus once anos de existencia foise consolidando como referente no ámbito cultural galego.

Despois de rematar coa entrega de todos os galardóns, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, pechou o acto. Na súa intervención, a concelleira de Cultura felicitou a todos os premiados/as e destacou a calidade dos traballos galardoados. María Eugenia Martín incidiu en que “o Certame Literario Concello de Ames medra ano a ano e xa está consolidado por todo o territorio galego”. A concelleira rematou lembrando a figura do poeta Xosé María Díaz Castro, ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

O acto de conmemoración do Día das Letras Galegas, organizado polo Concello de Ames, rematou coa actuación dos alumnos/as da Escola Municipal de Música de Ames, que interpretaron o tema 'O Camiño de Santiago', de Carlos Núñez. Esta peza estivo interpretada por Nerea Montes (frauta); Javier Abel (guitarra); Iria Güimil e Aga (violíns).