Pestanas principais

O Concello de Ames contará cun stand no I Fórum do Camiño de Santiago que se vai a celebrar do 15 ao 18 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia

Xoves, 08 de outubro de 2015

[08-10-2015] O Concello de Ames vai estar presente nun stand adicado ao Camiño de Fisterra-Muxía, xunto cos outros oito concellos por onde transcorre esta ruta, no I Fórum sobre os Camiños de Santiago (Fairway), que vai ter lugar entre os días 15 e 18 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia. Os concellos participantes son: Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. O obxectivo do goberno municipal é potenciar o tramo do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, que transcorre polo concello de Ames.

Para iso a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e a técnica municipal de Turismo participaron en dúas xuntanzas de traballo cos oito concellos restantes polos que discorre este camiño co fin de preparar a participación neste Fórun e ver a posibilidade de emprender iniciativas conxuntas. A primeira reunión tivo lugar o pasado 3 de setembro en Dumbría. Posteriormente, o pasado 23 de setembro volveu a celebrarse unha segunda xuntanza en Mazaricos.

O stand do Camiño de Fisterra-Muxía, no que estará representado o Concello de Ames, terá unhas dimensións de 4 x 3 metros (12 m²) e estará dotado cun pequeno almacén, mobiliario, moqueta, rotulación, servizo de limpeza e de seguridade. O persoal técnico de cada concello será o encargado da atención ao público.

O deseño do stand está conformado por 3 paneis. O panel do fondo disporá dun mapa co trazado do Camiño dende Santiago ata Fisterra e Muxía, con información das etapas e os lugares por onde transcorre. A parte superior estará ocupado polo lema “Aquí comeza o camiño” e unha foto de cada concello. O panel lateral dereito estará composto por dúas fotos e un pequeno texto de cada concello, mentres que o panel lateral esquerdo estará ocupado por un pequeno texto descritivo do Camiño.

O Fairway está composto, en realidade, por 3 eventos que se complementan entre si e que perseguen varios obxectivos. O primeiro é xuntar por primeira vez ás empresas e negocios que basean a súa actividade principal en torno aos Camiños para poñelos en contacto e establecer canais de negocio con operadores turísticos de ámbito nacional e internacional. Neste espazo é onde teñen cabida os concellos e organismos para a promoción dos seus recursos. A organización deulle o nome de Fairway Market.

Outro dos obxectivos é a celebración dun congreso sobre os Camiños de Santiago e outras rutas de peregrinación que existen en outras partes do mundo, que se denomina Fairway Fórum. Por último, coa celebración desta iniciativa tamén se persegue dinamizar e trasladar o evento á cidade de Santiago de Compostela mediante actividades culturais, que será o chamado Fairway City.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames compartirá un stand con Negreira, Costa da Morte y Xallas en el I Fórum do Camiño"