Pestanas principais

O Concello de Ames contrata o servizo de mantemento de 13 illas de colectores soterrados

Venres, 08 de febreiro de 2013

[08-02-2013] O Concello de Ames acaba de contratar o servizo de mantemento dos colectores soterrados situados no municipio. En total, trátase de 13 illas de colectores distribuídas polos núcleos de Bertamiráns e Milladoiro e en dúas urbanizacións. O servizo de mantemento, que conta cun importe anual de 9.240 euros, será levado a cabo pola empresa Joscón Construcciones, que xa acometeu nas últimas xornadas algunhas melloras nos colectores.

O concelleiro de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, comprobou os traballos desenvolvidos esta semana pola empresa na rúa do Seixo, no Milladoiro. Alí, o responsable da firma construtora explicoulle que se acometeu o cambio dos tambores de vidro e de cartón e das mochilas dos colectores para garantir o seu correcto funcionamento.

Alfredo Taboada subliñou que “a través destes traballos de mantemento poñeranse a punto todas as illas de colectores”. O concelleiro destacou que se tratará dun mantemento exhaustivo, no que se comprobarán e resolverán todas as cuestións relativas ao funcionamento dos colectores.

Ademais dunha revisión completa de mantemento, a empresa adxudicataria levará a cabo distintas tarefas como a comprobación do funcionamento de cada unha das illas, a instalación mecánica ou o estado do sistema de estanqueidade e instalación hidráulica, incluíndo o enchido dos niveis de aceite e a reposición da tornillería.

Para a realización destes traballos, empregarase un camión adaptado con bomba hidráulica para subir os módulos de materia orgánica e inertes, así como un camión grúa para elevar os colectores de vidro e de papel-cartón. De xeito bimensual, levarase a cabo a conservación hixiénica consistente na limpeza e achique de augas que se acumulen no interior dos fosos, desinfección e retirada de residuos que se depositasen no interior dos fosos. Ademais, acometerase a limpeza, desinfección do buzón e do tambor pola parte exterior e interior. O contrato asinado esta semana tamén inclúe que as reparacións que sexan necesarias nos colectores soterrados acometeranse como máximo nun prazo de 24 horas.

Distribución dos colectores no municipio
No Milladoiro existen un total de nove illas de colectores soterrados (dúas na rúa da Raxoeira, dúas na rúa dos Pardiñeiros, dúas na rúa da Cruxa, unha na rúa Travesa, unha na rúa da Estivada de Castelao e outra na rúa do Seixo). No resto do concello hai outras catro illas. En Bertamiráns hai dúas illas deste tipo de colectores (unha na praza da Maía e outra na praza de Chavián). Ademais, existe unha illa de colectores soterrados na urbanización de Aldea Nova e outra na urbanización das Mimosas.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames contrata o servizo de mantemento de 13 illas de colectores soterrados"