- Tematica
O Concello contratará en breve a tres mulleres vítimas de violencia de xénero. Esta acción forma parte do Programa Integral para vítimas de violencia de xénero e mulleres vulnerables” e lévase a cabo mediante unha subvención de 64.079,76 euros que outorga a Secretaría Xeral de Igualdade. Prevese que as tres mulleres estean traballando en distintos departamentos municipais entre finais do mes de agosto e principios do mes de setembro.
As traballadoras do CIM, Centro de Información da Muller de Ames, ultiman estes días o proceso para a contratación de tres mulleres vítimas de violencia de xénero. A acción realízase a través de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e no ámbito de colaboración coas entidades galegas. Particularmente neste caso a contía da subvención ascende a 64.079,76 euros e outórgaa a Secretaría Xeral de Igualdade.
Nesta ocasión a contratación farase despois de que o CIM presente ofertas nominativas á Secretaría Xeral de Igualdade. As candidatas deben cumprir os requisitos esixidos por esta entidade: deben estar inscritas no SPEG (Servizos de Emprego Público de Galicia), ter cesado a convivencia co agresor e acreditar legalmente esta circunstancia, cuestión que poden facer a través de orde de afastamento, sentenza xudicial ou informe do departamento de Servizos Sociais do Concello.
Os contratos terán vixencia de 9 meses para dúas das contratadas e de un ano para a terceira. A previsión é que comecen a traballar en distintos departamentos municipais entre finais do mes de agosto e principios do mes de setembro.
Para a concelleira de Servizos Sociais e Promoción da Igualdade, Luísa Feijóo, "esta é unha forma de contribuír ao seu empoderamento como mulleres. A mellor forma é que se sintan realizadas social e laboralmente tendo un traballo q lles permite unha independencia económica á vez que lles proporciona experiencia e incorporación ao mercado laboral”.
Novas relacionadas:
Revista AmsGo: "Ames contrata a tres mulleres vítimas de violencia de xénero"