- Tematica
O Proxecto “Coñece os camiños”, que lidera a Orden del Camino de Santiago celebra o vindeiro sábado en Ames unha xornada de promoción dos camiños de Santiago. Desde as 11:30 da mañá, a Casa da Cultura de Bertamiráns converterase na sede dun evento que incluirá actuacións musicais e conferencias sobre os camiños e a súa influencia nos lugares por onde pasa. Está prevista unha saída guiada e teatralizada polos lugares máis emblemáticos do concello. Tantos as persoas que desexen participar na xornada como aquelas que queiran só acudir á saída deben anotarse no enderezo electrónico turismo@concellodeames.gal.
A “Orden del Camino de Santiago” adoita visitar a través de xornadas deste tipo as localidades que atravesan os camiños a Santiago. O vindeiro sábado tócalle a Ames onde, en colaboración coa concellaría de Turismo, están previstas unha serie de actividades que servirán para por en valor a influencia do camiño na localidade.
A xornada comezará ás 11:30 coa recepción, por parte das autoridades de Ames, aos membros da “Orden del Camino de Santiago”. Äs 11:45 está prevista a actuación do grupo As Maianas. Seguidamente, ás 12:00 horas Jesús Ares Vázquez, presidente da Asociación de Turoperadores de Galicia, ofrecerá unha conferencia que leva por título “O Camiño de Santiago, camiño Cultural Europeo”. Ás 12:35, Bruno de Llano Gómez, especialista en xestión local e autonómica de Ecoembres falará sobre “La sostenibilidad en el Camino”. O Camiño da Ría Muros-Noia será o obxectivo do último dos relatorios da mañá que correrá a cargo da arqueóloga Sofia Baquero Vidal. A mañá concluirá cunha actuación musical a cargo da Real Banda de Gaitas.
Visita guiada
A xornada aproveitarase para dar a coñecer á veciñanza de Ames algúns dos lugares máis emblemáticos do concello. Os asistentes a esta visita terán a oportunidade de vistar o pazo da Peregrina, a Igrexa Parroquial e a Casa de Rosalía en Ortoño e a Casa Taller de Ana Rosa. A visita artellarase a través de pequenas representacións teatrais.
Xeito de participar
O concello convida á veciñanza a participar nesta xornada. Hai 75 prazas dispoñibles para as conferencias e as actuacións musicais da mañá e 35 para a visita guiada. O punto de encontro para esta visita será o pazo da Peregrina. As persoas que vaian asistir terán que estar nesa ubicación ás 16:00 horas. Previamente deberán enviar un correo ao enderezo electrónico turismo@concellodeames.gal
“Cremos que esta é unha boa oportunidade para reforzar o coñecemento da veciñanza sobre os camiños de Santiago que pasan polo noso concello e tamén para que todos e todas sexamos conscientes da influencia que este feito ten e pode ter no noso tecido social e empresarial”, manifesta o concelleiro de Turismo Manuel Lens, quen esta semana recibiu aos representantes da organización para ultimar os detalles do evento.
O proxecto “Coñece os camiños” depende da “Orden del Camino de Santiago”. Conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a “Comisión Gestora de Entidades alfombristas del Camiño de Santiago”. O Xacobeo 21-22, o Grupo de empresas Canabal S.L e, en este caso, coa colaboración do Concello de Ames.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: Animan a veciñanza amiense a coñecer os Camiños
AMSGO: Ames celebra este sábado a súa condición de municipio xacobeo