- Tematica
O Concello de Ames puxo en marcha un dispositivo coordinado coa Xunta de Galicia para atallar e controlar a patoloxía gástrica detectada e focalizada principalmente no CEP de Ventín e permanece en contacto directo coas direccións do centros educativos e das ANPAs. Dende o Concello prégase chamar ao teléfono 649 82 90 90 para a notificación de posibles casos sen identificar ao Sistema de Alerta Epidemolóxica de Galicia e habilítase a liña WhatsAmes durante todo o fin de semana para poder comunicarse co Concello de Ames. Sanidade cifra en 59 os casos identificados entre chamadas asistenciais aos centros sanitarios.
Dende a Consellería de Sanidade explican que ata o de agora non hai rexistrado ningún caso de gravidade e que o servizo de Saúde Alimentaria xa está realizando as pesquisas pertinentes para determinar a orixe desta sintomatolxía común que mostran tanto monitorado coma o alumnado. Esta mesma tarde recolléronse as mostras das comidas para a súa análise no laboratorio de Saúde Pública nos centros do CEP de Ventín e do CEIP Agro do Muíño. Será nos próximos días cando se determine a orixe desta sintomatoloxía.
O alcalde, Blas García, destacou a áxil resposta das Consellerías de Sanidade e Educación, que rapidamente puxeron todos os seus medios a disposición do Concello de Ames para responder a esta situación. No mesmo senso se manifestou a concelleira de Educación, Carmen Porto, que agradeceu a boa disposición e a colaboración da comunidade educativa e de todos os colectivos implicados na xestión desta situación como son as direccións dos centros, ANPAS, monitorado, persoal municipal e Xunta de Galicia.