Pestanas principais

O Concello de Ames crea un Censo de Artistas ligado á posta en marcha do novo espazo de locais de ensaio A Factoría

Xoves, 15 de marzo de 2018

[15-03-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, está a elaborar un censo de grupos musicais, cuxos membros teñan nacido ou residan no concello. O obxectivo é crear unha base de datos actualizada de todos os grupos de música amesáns, de maneira que nun futuro se poidan organizar actividades ou eventos nos que estes participen. Ademais, o rexistro no censo será un requisito indispensable á hora de empregar A Factoría, o novo espazo municipal de locais de ensaio. As inscricións no censo pódense realizar desde este xoves, 15 de marzo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o formulario de inscrición e a autorización obrigatoria para os menores de idade.

No vindeiro mes de abril, o Concello de Ames vai inaugurar A Factoría, un novo espazo multifuncional de locais de ensaio situado na antiga escola de Biduído. Con esta iniciativa, o goberno municipal busca responder á falta de locais de ensaio no termo municipal, ao tempo que facilita e promove o desenvolvemento das inquietudes artísticas das bandas, a creación de novas formacións e unha cultura do asociacionismo.

Ao longo destes meses, o edificio no que se atopa A Factoría experimentou unha serie de obras de mellora, consistentes na renovación da instalación eléctrica e da fontanaría, así como na colocación dun revestimento acústico nos locais de ensaio, na reparación das xanelas e na substitución da porta de entrada da escola, na planta alta. As obras, que tiveron un custo total de 4.500 euros, foron financiadas a través da liña de axudas para equipamentos culturais da Deputación da Coruña.

O novo espazo contará con dúas salas, de diferente tamaño, destinadas a aloxar ás distintas bandas e formacións musicais. Co obxectivo de facilitar o bo funcionamento e coordinación deste servizo, o Concello de Ames vén de pór en marcha un Censo de Artistas, no que os grupos deberán estar inscritos para poder acceder aos servizos que se ofrecen nas novas instalacións. A Factoría, que nace coa vontade de ser un espazo creativo e de convivencia, é un proxecto conxunto da Concellaría de Educación e Cultura coa Concellaría de Mocidade.

O Censo de Artistas
Desde este xoves, 15 de marzo, aquelas bandas e grupos musicais que teñan polo menos a metade dos seus integrantes empadroados no Concello de Ames pódense rexistrar no Censo de Artistas municipal. O obxectivo deste censo é o de crear unha base de datos actualizada de todas as formacións musicais existentes no concello.

Desta maneira, o Concello de Ames busca coñecer, coa posta en marcha desta iniciativa, cal é o número de grupos musicais existentes no termo municipal. No Censo de Artistas deberá aparecer, alén do nome do grupo, o número de compoñentes e o estilo musical no que se inscriben as súas creacións. O censo será empregado para, nun futuro, poder organizar eventos e actividades nos que poidan participar os grupos rexistrados. A aparición no censo será un requisito indispensable á hora de poder acceder aos servizos da Factoría.

Tramitación das inscricións no Censo de Artistas
Para rexistrarse no Censo de Artistas, os grupos deberán presentar a solicitude de inscrición debidamente cumprimentada xunto cunha fotocopia do DNI de cada compoñente. No caso de haber persoas menores de idade nalgún dos grupos, estas deberán entregar asemade un permiso asinado pola súa nai, pai ou responsable legal, acompañada dunha fotocopia do DNI desta persoa.

A documentación, que se pode atopar no apartado de descargas desta nova, deberá ser entregada no Rexistro da Casa do Concello de Bertamiráns ou nas oficinas municipais do Milladoiro. As persoas ou grupos que queiran obter máis información poden contactar coa Concellaría de Educación e Cultura, a través do enderezo de correo electrónico administracion.cultura@concellodeames.gal. Desde a Concellaría de Educación e Cultura faise un chamamento aos grupos musicais de Ames para que se inscriban no Censo de Artistas.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames crea un Censo de Artistas para el nuevo local de ensayo A Factoría"