- Tematica
O Pleno aprobou por unanimidade este luns, 13 de febreiro, a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2023” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 968.925,34 euros, dos cales 857.688,62 euros (439.362,34€ da achega provincial 2023 e 418.326,28 euros da achega de 2022) son para novos investimentos; 100.000 euros, da Achega provincial 2023, destinarase ao financiamento de gastos correntes; e 11.236,72 euros para a redución de débeda con entidades financeiras. Dentro da partida de 419.359,07 euros, da achega de 2022, o Concello achega 1.032,79 euros. No Plan complementario de 2022 recóllese unha partida de 1.636.548.80 euros para investimentos financeiramente sostibles. Ademais dentro do POS+ Adicional 1/2023 contémplanse 157.314,02 euros para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. En total o Concello de Ames recibirá 1.126.239,30 euros.
En primeiro lugar, a Corporación municipal debateu a aprobación sobre a participación no Plan POS+2023 (Plan Único). Este punto foi aprobado por unanimidade. O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, foi o encargado de dar conta das obras que se incluíron no POS+ 2023. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación completa do pleno extraordinaria do POS+ 2023.
As actuacións incluídas neste plan provincial abarcan distintos tipos de obras. Moitas delas inciden na mellora e/ou reparación de distintas vías públicas municipais, algunhas nos camiños interiores de aldeas de parroquias como a pavimentación de viarios no núcleo de Framil (Biduído) e maila mellora da seguridade viaria en Frenza (Tapia). Estas dúas obras sufragaranse con cargo a Achega provincial de 2023, que está dotada de 439.362,34 euros. A obra de Framil ten un orzamento de 363.357,59 euros, mentres que a obra que se executará en Frenza dispón dun orzamento de 76.004,75 euros.
Ademais, o Concello de Ames sufragará a través da Achega provincial de 2022, que está dotada de 418.326,28 euros, outras tres actuacións. Dúas delas son obras de mellora de camiños no rural: pavimentación de viarios no núcleo de Cortegada (Ameixenda) que ten un orzamento de 212.005,26 euros; e maila pavimentación de viarios no núcleo de Gasamáns (Agrón), que ten un presuposto de 137.135,22 euros (dos cales 136.102,43 euros son achegados pola Deputación e 1.032,79 euros son postos polo Concello).
Por último, tamén se inclúe na Achega provincial 2022 o proxecto de eficiencia enerxética na iluminación das rías anexas ao parque empresarial Novo Milladoiro. Con esta actuación preténdese continuar coa implantación do aforro enerxético en todo o municipio, despois de acometer actuacións semellantes no rural e nos núcleos urbanos de O Milladoiro e Bertamiráns. Dita actuación conta cun orzamento de 70.218,59 euros.
Por outra banda, o Concello de Ames pretenden dedicar 11.236,72 euros para a redución de débeda con entidades financeiras.
Valoración do POS+ 2023
O concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, incidiu en que “podemos discutir se incluír estas ou outras obras e se temos que consensuar os proxectos entre os diferentes partidos político, pero o que é induscutible é que calquera investimento que se faga é beneficioso para a veciñanza de Ames, polo que imos a manter o posicionamento que tivemos en plenos anteriores do POS e imos a votar a favor deste plan de obras”.
O outro concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, dixo que “sempre me parece positivo recibir fondos, neste caso da Deputación da Coruña, para facer novos investimentos. Inclúense as obras que o goberno decide tendo en conta a súa planificación. Destinase pouco diñeiro a pagar xuros de débeda porque temos unha débeda moi modesta. Ademais do impacto que teñen estas obras que se van facer no rural, tanto nos viarios como nos interiores dos núcleos, hai que destacar dúas actuacións que son a implantación dunha cociña central para os comedores escolares e maila obra que complementa as obras da améndoa central de Bertamiráns que se están executando na actualidade”.
A voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra, dixo que a maior parte do POS dedícase a obras no rural o que é positivo, pero tamén se mostrou preocupada pola contía que a Deputación destina ao Concello de Ames xa que segundo dixo “reduciuse considerablemente anos tras ano. Respecto de 2019 recibimos preto de 400.000 euros menos e respecto de 2018 reduciuse en 700.000 euros”. Ademais, dixo que “hai unha clara improvisación e falta de planificación por parte do goberno. Este é un goberno que non sabe que actuacións son importantes para a veciñanza e que cando as fai, fainas a destempo provocando máis trastornos aos veciños e veciñas. Este POS caracterízase por ser un plan que aporta menos diñeiro a Ames e por ser o POS da improvisación”.
O alcalde, Blas García, explicou que “é un plan de obras que beneficia e atende principalmente as necesidades do rural. No plan xeral o 91% do investimento vai destinado ao rural excepto á contía que se destina a gasto corrente e ao proxecto de mellora da eficiencia enerxética na iluminación das rúas anexas ao parque empresarial Novo Milladoiro. Ademais, o 83% da contía do plan complementario tamén está destinado ao rural. Deste xeito, con este plan preténdese cubrir as necesidades da veciñanza do rural e ir facendo que os núcleos das parroquias sexan máis atractivos, tanto para a veciñanza amesá como para as persoas que veñen de fóra”.
Plan complementario de 2023
O Plan complementario de 2023 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Con cargo a esta partida preténdese executar nove proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 1.636.548.80, euros. Continuando coas melloras e reparación de camiños e estradas municipais do rural contémplase a pavimentación de viarios no núcleo de Oca, na parroquia de Ames (299.554,34 euros); a pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, na parroquia de Bugallido (176.217,04 euros); e maila pavimentación de viarios no núcleo de O Galiñeiro, na parroquia de Agrón (132.014,99 euros).
Tamén se actuará en viarios municipais que neste caso unen distintos lugares pertencentes a mesma parroquia como por exemplo o proxecto de mellora de seguridade viaria de O Mercuto a Quintáns na parroquia de Ameixenda (314.997,70 euros); estrada de Capeáns a Pousada, na parroquia de Covas (55.074,88 euros); ou na mesma parroquia a realización das beirarrúas dende Covas ao Lombao (112.481,53 euros). Con estas obras preténdese mellorar a seguridade viaria e funcional para a veciñanza destas parroquias.
Nunha liña similar, pero dentro dun ámbito máis preto aos núcleos urbanos e coa finalidade de continuar coa vertebración e cohesión do territorio amesán, están previstas as obras da pavimentación da rúa Juan Bueno Bueno (113.061,99 euros), así como a pavimentación de viarios no Castro de Ortoño (133.217,47 euros), ambas as dúas obras na parroquia de Ortoño. Noutra liña completamente distinta á citada, nesta ocasión inclúese no POS complementario de 2023 a adecuación dunha nave existente para a implantación dunha cociña central (299.929,16 euros), coa pretensión de darlle servizo aos comedores escolares de Ames.
POS+ Adicional 1/2023
O segundo punto que se debateu foi a aprobación da participación no Plan POS adicional 1/2023 para gasto social. A concelleira de Bestar Social, Luísa Feijóo, foi a encarga de explicar este punto, que foi aprobado por unanimidade da Corporación municipal.
No POS+ Adicional 1/2023 contémplanse 157.314,02 euros para gastos sociais extraordinarios. Do total de dita contía, destinaríanse 111.084,18 euros ao reforzo de persoal (técnico e/ou administrativo) adscrito aos departamento de servizos sociais co obxectivo de apoiar ao equipo de persoal actual e/ou facilitar a tramitación urxente das prestacións obxecto deste plan e axilizar a atención social profesional necesaria en situacións de risco para persoas vulnerables.
O importe restante, que ascende a 46.229,84 euros, dedicaríase á ampliación e dotación de partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás persoas soas ou familias en risco de exclusión social: maiores, persoas con diversidade funcional, mulleres en risco de exclusión social ou vítimas de violencia de xénero, cando eles/as e as persoas ao seu cargo, carezan de medios económicos suficientes para asegurar a cobertura das necesidades básicas: vivenda, alimentación, electricidade, educación, gastos médicos ou farmacéuticos, transporte, e aqueles que consideren os servizos sociais municipais.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "Ames disporá de máis dun millón de euros grazas ao Plan Único da Deputación"
AMS GO!: "O pleno de Ames aproba unanimemente participar no POS+ 2023 da Deputación"
La Voz de Galicia: "El entorno del polígono Novo Miladoiro tendrá alumbrado led"