Pestanas principais

O Concello de Ames disporá de 943.884 euros a través do POS+ Adicional 2/2023 para sufragar catro novas obras

Martes, 11 de xullo de 2023

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado xoves, 6 de xullo, a solicitude de participación no POS+ Adicional 2/2023 da Deputación da Coruña. Deste xeito, o Concello de Ames disporá de 943.884,10 euros para a adecuación dunha nave existente para a implantación da cociña central da Rede municipal de comedores escolares (299.929,16 euros); mellora da mobilidade na rúa Agrelo, en Bertamiráns (329.911,30); pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, en Bugallido (176.217,04 euros); e pavimentación de viarios no núcleo de O Galiñeiro, en Agrón (132.014,99 euros).

O Concello de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a participación no plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2023 da Deputación Provincial da Coruña. O Concello de Ames correspóndelle a contía de 943.884,10 euros que se dedicarán a sufragar catro novas obras no rural, no núcleo urbano de Bertamiráns e para habilitar unha nova cociña central para o servizo municipal de comedores escolares.

O importe dos investimentos incluídos no Plan complementario 2023, por parte do Concello de Ames, ascende a 1.966.460,40 euros, e a contía asignada en este plan adicional é de 943.884,10 euros. Dado que se permiten incluír os proxectos financeiramente sostibles xa incluídos no Plan complementario, isto vai permitir unha maior axilidade e rapidez na inclusión destas obras no plan adicional (principalmente porque os proxectos xa están aprobados). Isto tamén vai permitir que se poidan executar antes que estando no plan complementario.

Do importe concedido a través do POS+ Adicional 2/2023 quedaría un sobrante de 5.811,61 euros que posteriormente, nunha segunda fase do plan, poden destinarse a gasto corrente de servizos públicos obrigatorios, distintos dos xa financiados con cargo ó Plan base, se así se solicitaron polo Concello, novos investimentos financeiramente sostibles non incluídos no Plan complementario.

Proxectos sufragados co POS+ Adicional 2/2023
Continuando coas melloras e reparación de camiños e estradas municipais do rural contémplase a pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, na parroquia de Bugallido (176.217,04 euros); e maila pavimentación de viarios no núcleo de O Galiñeiro, na parroquia de Agrón (132.014,99 euros). Tamén se recolle a mellora da mobilidade na rúa Agrelo, en Bertamiráns (329.911,30).

Noutra liña completamente distinta á citada, nesta ocasión inclúese a adecuación dunha nave existente para a implantación dunha cociña central (299.929,16 euros), coa pretensión de darlle servizo aos comedores escolares de Ames.

O alcalde, Blas García, explica que “o POS + Adicional 2/2023 permítenos dispoñer de máis de 900.000 euros para sufragar catro novos proxectos, que ao estar incluídos no Plan complementario do POS+ 2023, xa foron aprobadas no pleno do Concello e da Deputación. Trátase de importantes proxectos porque inclúen obras de mellora da mobilidade e de arranxo de camiños municipais. Estes proxectos realizaranse no núcleo urbano de Bertamiráns e nas parroquias de Bugallido e Agrón. Ademais, inclúese un proxecto para habilitar unha nova cociña central para o servizo municipal de comedores escolares”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames invertirá 950.000 euros del POS de la Diputación en sufragar obras en el rural y en Bertamiráns"

Lindeiros: "O POS adicional da Deputación suporá para Ames cerca dun millón de euros"

AMS GO!: "Ames sufragará catro obras por case un millón de euros a través do POS Adicional da Deputación"

Enfoques: "Ames dispondrá de 943.000 euros de la Deputación para obras y la cocina central de los comedores escolares"

Imaxe da aldea de Mourigade (Bugallido)

Multimedia

  • Imaxe da aldea de Mourigade (Bugallido)
  • Imaxe da aldea de Mourigade (Bugallido)
  • Imaxe da rúa Agrelo (Bertamiráns)
  • Imaxe da rúa Agrelo (Bertamiráns)