Pestanas principais

O Concello de Ames e Acción contra a Fame organizan un taller formativo sobre os trámites administrativos necesarios para poñer en marcha unha empresa

Xoves, 12 de decembro de 2019

O Concello de Ames e maila organización Acción contra a Fame poñen en marcha un novo taller formativo titulado “Trámites administrativos para poñer en marcha a miña empresa”, financiado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social. Esta actividade desenvolverase o martes, 17 de decembro, de 9.00 a 14.00 horas, no Centro de formación de Aldea Nova. Este obradoiro enmárcase dentro do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres.

O persoal da organización Acción contra a Fame, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames, impartirá o vindeiro martes, 17 de decembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, o taller formativo titulado “Trámites administrativos para poñer en marcha a miña empresa”. Esta actividade realizarase no Centro de formación de Aldea Nova.

Neste obradoiro abordaranse temas como o certificado dixital e Cl@ve: como solicitalo e para que serve; xestión da alta da miña empresa: AEAT e Seguridade Social; xestión diaria da miña empresa: libros contables, emisión facturas e facturación electrónica; presentación das declaracións trimestrais e anuais; e resolución de casos particulares.

As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.

Este obradoiro enmárcase dentro do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres.

Durante o 2018, un total de 70 persoas recibiron o apoio de Vives Emprende, das cales 42 foron veciñas e veciños de Ames. Delas, 8 amesás xa teñen en marcha o seu negocio. Esta nova edición do programa Vives Emprende púxose en marcha trala sinatura do convenio do programa de axuda á creación de negocio o pasado 19 de febreiro.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima a participar neste taller formativo porque “a formación que recibirán as persoas desempregadas que desexen emprender, a través deste obradoiro, permitirá crear empresas máis fortes e con maiores garantías de éxito. Animo a todos os veciños e veciñas de Ames, que estean nestes intres inscritos/as como demandantes de emprego, a que se inscriban neste obradoiro que imparte Acción contra a Fame en colaboración co Concello de Ames”.

Cartel do taller formativo sobre os trámites administrativos necesarios para poñer en marcha unha empresa

Multimedia

  • Cartel do taller formativo sobre os trámites administrativos necesarios para poñer en marcha unha empresa