Pestanas principais

O Concello de Ames e a AEPEM reúnense cos empresarios e empresarias do polígono Novo Milladoiro para solucionar os problemas puntuais que puidese xerar o novo plan de mobilidade da zona

Martes, 19 de novembro de 2024

O salón de Plenos do Concello de Ames acolleu esta mañá unha xuntanza entre Concello, AEPEM e empresarios do polígono empresarial do Novo Milladoiro na que participaron por parte do Goberno local o alcalde, Blas García, o concelleiro de Urbanismo Víctor Fernández, o concelleiro de Obras, Gustavo Nieto e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz. Por parte da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro estivo presente o seu presidente, Javier Santos. Tamén asistiu Ramón Salgado, como empresario do parque empresarial.

Na reunión recoñeceuse por parte do Concello e da asociación a evidencia de que existe un problema na tradución do proxecto do papel á realidade e que é necesario buscar solucións que beneficien á maioría dos empresarios e empresarias do parque. No prazo dun mes intentaranse resolver as carencias ou eivas que poida presentar o proxecto e que o sector empresarial trasladou esta mesma mañá, comprometéndose o Goberno a visitar cada empresa e analizar os problemas que se reporten de forma individualizada: “Somos os primeiros interesados en ter un espazo de traballo óptimo, por eso se revisarán as peticións realizadas e se materializarán na medida do posible”, expuxo o concelleiro de Obras.

O alcalde recordou a importancia de dar resposta ao grave problema de aparcamento na zona e explicou que este proxecto non é novo, senón que se leva traballado nel dende o ano 2021: “Temos que intentar conxugar varios intereses, como son a necesidade de despexar as beirarrúas para as persoas, garantir que non se causan agravios na actividade e económica das empresas establecidas e a creación de alternativas de aparcamento”.

O presidente, Javier Santos, da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro dixo que “que lle propuxeron ao concelleiro de Obras e Servizos Básicos dúas novas zonas de aparcamento. Iso axudaría a minimizar o impacto, e o concelleiro quedou en estudar esta proposta”.

Proxecto de mellora de mobilidade
As principais vías dentro do parque empresarial de Novo Milladoiro e nas cales se actuou son a rúa das Hedras, a rúa das Palmeiras e a rúa da Xesta, con problemas recorrentes no estacionamento dos vehículos. O elevado volume de vehículos que acceden cada día a este polígono sumando á necesidade de máis espazo para estacionar, provoca que as beirarrúas se atopen ocupadas por coches, dificultando o tránsito peonil.

Ante esta problemática, tendo en consideración o estudo de tráfico e mobilidade do parque empresarial, redactado en marzo de 2022, proponse a reordenación do tráfico rodado nas citadas rúas deste polígono industrial. O ámbito de actuación conta cunha superficie total de 9.550 metros cadrados (1.065 metros lineais). Para elo, procedeuse á supresión dun carril de circulación de xeito que estas rúas conten cun único carril de circulación con zonas de estacionamento regulado a ambas marxes.

O orzamento para a execución deste proxecto é de 175.525 euros. O 68,37% do orzamento total será sufragado con fondos autonómicos da Consellaría de Economía, Industria e Innovación, mentres que o 31,63% restante, 55.525 euros, serán sufragados con fondos municipais.

Nos últimos anos dende o Concello de Ames procedeuse á creación de dúas bolsas de aparcamento no propio polígono empresarial, unha ao lado do campo de fútbol, de 70 prazas, e outra na zona verde central, con máis de 100 prazas.

O Concello de Ames e a AEPEM reúnense cos empresarios e empresarias do polígono Novo Milladoiro para solucionar os problemas puntuais que puidese xerar o novo plan de mobilidade da zona