- Tematica
Este sábado, 16 de setembro, celebrarase unha masterclass de baile no parque do Ameneiral en Bertamiráns, a partir das 18:00 horas. Trátase dunha actividade aberta e de balde, pensada para nenos e nenas de todas as idades e para as súas familias. Esta iniciativa, organizada pola Escola de Baile Danzaya, en colaboración co departamento de Deportes do Concello de Ames, ten como obxectivo achegarlle á veciñanza a danza nas súas distintas modalidades e fomentar esta práctica deportiva. Para participar non é necesaria inscrición previa.
A danza é unha arte que se basea na expresión corporal, onde se empregan unha secuencia de movementos corporais que acompañan de xeito rítmico á música. Mediante a masterclass, a rapazada e as súas familias poderán expresarse corporalmente a través de música con diferentes ritmos.
A xornada arrincará ás 18:00 horas cunha mestura de fitness e baile, nunha clase dirixida na que se entrelazan diversos estilos, de xeito que se traballen distintas aptitudes corporais. Ademais, os mestres guiarán paso a paso aos asistentes en estilos como a salsa, a bachata, o merengue, a cumbia... Seguidamente, realizarase un taller cos participantes. Para rematar, haberá unha exhibición de baile e danzas modernas dos grupos de baile da escola, que traballa con alumnado a partir dos 3 anos.
A iniciativa celebrarase no parque do Ameneiral, e non é precisa inscrición previa para participar. En caso de choiva, as actividades trasladaranse ao pavillón polideportivo municipal de Bertamiráns.
A proposta pretende fomentar a danza como deporte, transmitirlle aos participantes que a práctica da danza achega alegría e enerxía, así como, demostrarlle á veciñanza que o baile tamén serve como maneira de expresar sentimentos, canalizar emocións ou liberar estrés. Ademais, a masterclass preséntase como unha actividade para gozar e desfrutar en familia.