Pestanas principais

O Concello de Ames e FEGADACE colaboran na sensibilización sobre o dano cerebral coa exposición ‘Punto e seguido’

Luns, 04 de outubro de 2021

Coincidindo co mes do dano cerebral, chega a Ames a exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’. Faino da man das asociacións da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Trátase dunha mostra que reflicte, a través da fotografía, o día a día das persoas que padecen esta discapacidade. A exposición pode visitarse  desde o 1 ata o 7 de outubro na Casa da Cultura do Milladoiro (Travesía do Porto, s/n), en horario de 09:00 a 14:00 horas. Seguidamente, a mostra trasladarase ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Avenida da Peregrina, 16), onde poderá visitarse até o 14 de outubro.

As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer -a entidade ourensá- e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo craneoencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

Colaboración do Concello de Ames
A organización desta exposición conta coa colaboración do Concello de Ames e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

Para a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, “é inestimable a colaboración que FEGADACE mantén  co departamento de Benestar Social ao longo do ano e que se reflicte dun xeito moi especial nesta mostra que axuda a moitas familias a atopar un espazo de axuda e de comprensión que mitiga en certa medida as eivas desta terrible doenza”.

FEGADACE
FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. Xuntas representan a case 2.000 familias. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou un traumatismo craneoencefálico provocado por un accidente de tráfico.

cartaz