Pestanas principais

O Concello de Ames e a Garda Civil poñen en marcha unha campaña informativa para a prevención de delitos

Mércores, 18 de xullo de 2012

[18-07-2012] O Concello de Ames, en colaboración coa Garda Civil, iniciará mañá unha campaña de información e prevención de delitos en vivendas, garaxes e vehículos. Esta iniciativa consiste no reparto masivo dun díptico no que se inclúen consellos e recomendacións para os veciños e veciñas de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os consellos para a prevención de delitos.

A seguridade dos veciños e veciñas é unha prioridade para o Goberno amiense, que quere subliñar a excelente coordinación que se está levando a cabo entre os corpos de seguridade do Estado e a Policía Local. O Concello fai fincapé, ademais, na importancia da colaboración cidadá, que xa está dando os seus froitos. Nesta liña, lembra que nos últimos días o aviso dun veciño permitiu deter a dúas persoas cando tentaban roubar no interior dunha vivenda en Bertamiráns.

Esta campaña informativa que se inicia mañá vai unida a unha intensificación da vixilancia e o control e a un incremento dos servizos encargados de velar pola poboación. O Concello e as forzas e corpos de seguridade solicitan aos veciños a súa cooperación, xa que o labor dos axentes é máis efectiva unida á colaboración cidadá. A colaboración veciñal xoga un papel decisivo como reforzo ao traballo conxunto que desenvolven a Policía Local de Ames e a Garda Civil do Milladoiro na prevención de delitos.

Ademais, a través desta campaña, tanto o Concello de Ames como a Garda Civil queren facer fincapé na importancia da colaboración e do traballo conxunto para a prevención de feitos delictivos e o esclarecemento dos mesmos. Ante a presenza de persoas en actitudes estrañas ou sospeitosas, os axentes recomendan tomar nota dos detalles e avisar ás forzas e corpos de seguridade: Policía Local de Ames (619536405), Garda Civil (062) e Emerxencias (112).

A campaña informativa ponse en marcha só unha semana despois da celebración da Xunta Local de Seguridade, convocada co obxectivo de analizar a situación de seguridade cidadá no concello de Ames. Nesta xuntanza, copresidida polo rexedor amiense, Santiago Amor, e polo subdelegado do Goberno en A Coruña, Jorge Atán Castro, acordouse a creación da comisión de coordinación técnica para iniciar os traballos de elaboración do Plan Local de Seguridade e a realización desta campaña informativa.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames e a Garda Civil poñen en marcha unha campaña para a prevención de delitos"