Pestanas principais

O Concello de Ames e a UCGAL lanzan un decálogo para comprar de xeito seguro no Black Friday

Xoves, 25 de novembro de 2021

Este venres 26 de novembro celébrase o Black Friday ou venres negro. Este día inaugura dende hai uns anos a temporada de compras de Nadal e converteuse nunha das datas de maior facturación para moitos negocios. A Unión de Consumidores de Galicia, que acaba de asinar un convenio de colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, quixo aproveitar a ocasión para publicar un decálogo para mercar a través de internet e outro para utilizar a banca electrónica de xeito seguro. Entre os consellos atopamos cousas tan sinxelas como mercar en páxinas oficiais, non deixar gravados os datos da tarxeta bancaria ou fuxir dos prezos demasiado baixos.

O Black Friday aterrou en España no ano 2012 e fíxoo para quedarse. Pese a ter moitos detractores entre o comercio local, o Black Friday é unha das datas claves na facturación anual para as grandes cadeas. Ademais, os consumidores e as consumidoras agardan con ansia a chegada dos descontos e das ofertas para inaugurar a temporada de compras de Nadal, para renovar o seu armario invernal ou para permitirse un capricho.

Por este motivo, o Concello de Ames a través da Concellaría de Promoción Económica xunto á UCGAL publica un decálogo para guiar aos consumidores na compra a través de internet e outro para utilizar a banca electrónica de xeito seguro. Ambos organismos desexan apostar pola prevención logo do aumento dos casos de fraudes bancarios a través da internet.

O decálogo para comprar con “sentidiño” a través da internet comeza cunha premisa clave á hora de iniciar unha compra online ao recomendarnos que non nos precipitemos e que empreguemos o tempo que sexa preciso para mercar. Outra dar recomendacións é mercar sempre a través das páxinas oficiais de marcas e empresas e priorizar aquelas que teñen a súa sede na UE. Tamén nos recorda que debemos eliminar os datos bancarios despois de realizar a compra ou comprobar as valoración do vendedor. O decálogo remata lembrándolle ao consumidor que conta cun dereito de desistimento de 14 días.

No decálogo para empregar a banca electrónica de xeito seguro encontramos consellos tan sinxelos como o de non acceder á banca electrónica dende redes wifi públicas ou dende equipos alleos, pechar a sesión logo de cada uso ou non rebelar nunca as contrasinais de acceso. O decálogo tamén recolle a recomendación de non premer ningún enlace remitido por correo ou sms da entidade bancaria, a de chamar ao número de atención ao cliente da entidade ante calquera sospeita ou a de manter actualizado o sistema operativo, navegador e antivirus do noso terminal.

Aplicando estas 20 premisas os consumidores gañan en seguridade pero, sobre todo, en tranquilidade. Con todo, ante calquera dúbida ou consulta os consumidores poden acudir ás oficinas que a Unión de Consumidores de Galicia ten no Concello de Ames.

Os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico a calquera dos seguintes enderezos: info@consumidores.gal ou fcarames@consumidores.gal.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, recomendoulle aos consumidores seguir os consellos recollidos neste decálogo. “Si se opta pola compra online por mor dos descontos é importante facelo con seguridade e seguindo as recomendacións dos expertos para evitar fraudes”. Ao mesmo tempo aposta por mercar de xeito presencial no comercio amesá xa que “beneficia e promociona os establecementos locais e axuda aos veciños e veciñas de Ames”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Piden aos consumidores amesáns cautela ó mercar"

O Concello de Ames e a UCGAL lanzan un decálogo para comprar de xeito seguro no Black Friday

Multimedia

  • Cartaz decálogo
  • Cartaz decálogo