Pestanas principais

O Concello de Ames elabora un vídeo promocional do comercio amesá baixo o lema `En Ames témolo todo!´

Mércores, 21 de outubro de 2020

A Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames estivo traballando coa empresa Xurdir na elaboración dun vídeo promocional do comercio amesá baixo o lema `En Ames témolo todo´. Trátase dun spot publicitario no que se reflicte a variedade existente no comercio local, onde se pode atopar dende florarías a tendas de artesanía e decoración, pasando por tendas de alimentación, moda, deportes, agasallos e complementos. Deste xeito, ponse en valor a potencialidade que ten o sector comercial de Ames e as súas vantaxes respecto a outros centros comerciais pechados de grandes dimensións e ao comercio doutras localidades. Este vídeo promocional foi presentado este luns, 19 de outubro, no acto de presentación do Plan Reactiva Ames.

Esta semana vén de presentarse o Plan Reactiva Ames no que se recollen 99 medidas de reactivación económica e social para o concello de Ames. Varias desta medidas xa se puxeron en marcha dende o pasado mes de abril. Moitas outras desenvolveranse durante o que queda de ano e outras executaranse no exercicio 2021. Para desenvolver dito Plan o Concello de Ames destina 7.071.620 euros.

Unha das medidas incluídas no Plan de reactivación económica e social é a elaboración dun vídeo promocional do comercio amesá baixo o lema `En Ames témolo todo´. A través desta campaña preténdese que os veciños e veciñas de Ames merquen nos establecementos comerciais amesáns, xa que segundo se indica na campaña en ditos establecementos pódense atopar produtos, que van dende roupa e calzado ata artesanía, entre outros moitos sectores.

No vídeo promocional tamén se destacan aqueles produtos que son exclusivos do comercio de Ames, respecto doutros comercios, como poden ser prendas de moda de tallas grandes ou tendas de alta costura que non se atopan fóra de Ames. Para a gravación de dito spot contouse coa colaboración de rostros coñecidos do panorama galego como o da actriz María Mera, os actores Federico Pérez e Pepo Suevos, os/as xornalistas Loli Gómez e Diego Viaño, e o deportista, Borja Golán.

O vídeo promocional péchase cunha imaxe na que aparece un grupo de empresarios/as e comerciantes/as de Ames co que se pretende representar ao conxunto do comercio amesá. Para a elaboración do plano final tamén se contou coa colaboración e traballo dos membros da Asociación cultural de alfombristas de San Xoanciño de Ames, que elaboraron no chan da praza do Concello, diante das escaleiras da Casa consistorial, unha alfombra floral co logotipo do Concello de Ames.

O comercio de Ames é seguro, de calidade e variado
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu “o traballo dos diferentes departamentos municipais que colaboraron para elaborar o vídeo promocional `En Ames témolo todo´. Tamén lle quero dar as gracias aos comercios e establecementos que colaboraron, así como a actores, actrices, xornalistas e deportistas. A título individual quero agradecer a colaboración de María Mera, Loly Gómez, Pepo Suevos, Federico Pérez, Diego Viaño, Borja Golán e a máis a Patricia de Lorenzo e a Guillermo Carracedo que por motivos de axenda non puideron participar no vídeo, pero a intención é o que conta”.

Ademais, Ana Belén Paz explica que “a través do spot `En Ames témolo todo´ queremos destacar aqueles aspectos que diferencian ao comercio e ao sector hostaleiro de Ames doutros da contorna. Ponse en valor a potencialidade que ten o sector comercial de Ames e as súas vantaxes respecto a outros centros comerciais e comercios doutras localidades. Podemos dicir que o comercio de Ames é seguro, de calidade, variado, moderno, aberto, accesible e que permite conciliar”.

El Correo Gallego: "Ames e Santa Comba ‘venden’ a través de spots a súa industria"

La Voz de Galicia: "Un vídeo promociona la variedad y calidad del comercio y los servicios de  Ames"

Imaxe da gravación do vídeo promocional do comercio amesá En Ames témolo todo!

Multimedia

  • Embedded thumbnail for