Pestanas principais

O Concello de Ames está desenvolvendo un plan de acondicionamento dos colectores soterrados

Luns, 18 de xuño de 2012

[18-06-2012] A Concellaría de Obras acadou o compromiso da empresa que instalou os últimos colectores soterrados de levar a cabo un plan de acondicionamento destes depósitos de lixo. Deste xeito, estanse revisando as 13 illas de colectores soterrados instaladas no territorio municipal co fin de que funcionen correctamente. Esta mañá, o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, estivo revisando algunha destas illas de colectores no Milladoiro porque son as que están máis deteriorados. Nesta primeira revisión detectouse que os fosos dalgunha das illas están cheos de auga e de lixo, o que impide o correcto funcionamento.


Os colectores soterrados de lixo facilitan a reciclaxe dos residuos, recollen máis cantidade de lixo que os tradicionais, melloran a estética da localidade e inflúen positivamente na boa calidade de vida da cidadanía ao eliminar malos cheiros e facilitar o depósito do lixo. Pero estes colectores precisan un mantemento e revisións periódicas para evitar que se acumule lixo e auga no foso das illas de colectores. O goberno municipal acadou o compromiso da empresa que instalou os últimos colectores soterrados de desenvolver un plan de mantemento e acondicionamento de todos os colectores destas características que existen no municipio, para revisar o estado en que se atopan as instalacións.

O concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, estivo hoxe pola mañá no Milladoiro para ver de primeira man o estado dalgunha das illas de colectores soterrados que existen nesta localidade. Deste xeito, estívose revisando a illa de colectores soterrados situada na rúa da Raxoeira e na rúa Travesa. Nesta primeira inspección detectouse que os fosos acumulan auga e lixo que é necesario limpar para o correcto funcionamento do sistema que permite elevar os colectores. A través destes traballos vanse volver poñer a punto todas as illas de colectores.

Os colectores levan un mecanismo que garante a seguridade de quen os manexa, contan cun sistema hidráulico que os levanta e os eleva ata o camión onde se produce o baleirado do lixo e, no caso dos máis grandes, os de vidro e cartón e papel, utilízase un guindastre para levantalos. Se o foso dos colectores está cheo de lixo e auga este sistema non funciona correctamente. Debido a iso, é necesario que os fosos estean limpos. O lixo cae no foso ao romper as bolsas non depositadas correctamente dentro do colector de plástico. Por outra banda, cando se retira o lixo e está chovendo a auga entra para dentro do foso.

Os traballos de revisión e acondicionamento comezaron esta mañá polas illas de colectores situadas no Milladoiro porque son as máis deterioradas. Nesta localidade existen un total de nove illas de colectores soterrados (dúas na rúa da Raxoeira, dúas na rúa dos Pardiñeiros, dúas na rúa da Cruxa, unha na rúa Travesa, unha na rúa da Estivada de Castelao e outra na rúa do Seixo). No resto do concello hai outras cinco illas. En Bertamiráns existen dúas illas deste tipo de colectores (unha na praza da Maía e outra na praza de Chavián). Ademais, existe unha illa de colectores soterrados na urbanización de Aldea Nova e outra na urbanización das Mimosas.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Plan para mantener unos colectores que hacen agua en Ames"