[28-10-2017] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, e un dos xentes de desenvolvemento local do Concello de Ames, achegáronse ata a antiga escola unitaria de Firmistáns, situada na parroquia de Bugallido, para ver como avanzan as obras de rehabilitación deste edificio que pasará a ter un uso social e veciñal coa finalidade de ser un fogar de tránsito e/ou soporte socio-educativo, para acoller a persoas en situación de risco social temporal. Este proxecto foi adxudicado á empresa 2000 Joscón Construcciones, S.L. por un importe de 85.910 euros.
O Concello de Ames conta cunha axuda de 70.670 euros, ao abeiro da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020 (convocatoria 2017-2018), cofinaciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), xestionada a través do GDR Terras de Compostela, para acondicionar este edificio que pasará a ter un uso social e veciñal coa finalidade de ser un fogar de tránsito e/ou soporte socio-educativo, para acoller a persoas en situación de risco social temporal. A petición desta axuda foi tramitada pola Concellaría de Promoción Económica.
O alcalde de Ames, José Miñones, indicou que “as obras avanzan a bo ritmo. Trátase dunha actuación necesaria para o Concello xa que nestes momentos carece de infraestruturas adecuadas para tal finalidade. Para realizar dito proxecto aprobouse no pleno ordinario de maio o cambio de uso da escola de docente a socio-educativo. Esta edificación, que conta con 107,12 metros cadrados de superficie útil, está situada nunha parcela de 729,00 metros cadrados, e poderá dar cabida a distintas actividades comunitarias temporais”.
As obras deste proxecto, que foron adxudicadas na Xunta de Goberno Local do pasado 21 de setembro por un importe de 85.910 euros (IVE incluído), están sendo executadas pola empresa 2000 Joscón Construcciones, S.L. A través dos traballos que se están executando vaise habilitar na planta baixa unha zona de estancia aberta. Vai a ser un espazo aberto cun uso multidisciplinar e poderase usar como local social e como estancia da propia vivenda (comedor e cociña). Este uso farase a través da colocación de elementos de mobiliario e de separación desmontables e que se poidan apilar, de xeito que o espazo poida ser reconfigurado en función das necesidades dos usuarios/as.
A estancia da planta baixa poderá diferenciarse en dous espazos para permitir a máxima flexibilidade do espazo proxectado. O espazo habilitado para cociña terá a característica de poder recibir catering, no caso de que a comida non poida ser elaborada polos seus usuarios/as. Tamén se habilitará un lugar para almacenaxe do mobiliario co fin de garantir a máxima flexibilidade do espazo e un un aseo accesible. Na planta alta, vanse executar dous dormitorios dobres, dous baños completos e as comunicacións e elementos de almacenaxe necesarios. A disposición de liteiras permitirá o aloxamento dun máximo de dez persoas nestas instalacións. Asemade, estanse renovando as instalacións da rede eléctrica, fontanería (auga fría e quente), saneamento (pluviais e fecais), telefonía e telecomunicacións, así como da iluminación.
Acollemento de persoas en situación de risco temporal
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, explicou que “esta actuación pretende ser o inicio da constitución dunha rede de base parroquial de edificacións de similares características, que dean servizo ao concello e ás súas comunidades e que se convertan pioneiras desde o punto de vista das prestacións desenvolvidas e tamén o mesmo tempo se poñen en valor un edificio que no seu día foi unha escola unitaria e agora xa levaba moitos anos totalmente abandonado”. Ademais, engadiu que “neste edificio preténdese dar cabida a distintas actividades comunitarias temporais, para dar soporte municipal a todos aqueles veciños e veciñas que o necesiten”.
Coa rehabilitación desta antiga escola unitaria vaise dotar ao concello de Ames de capacidade para acoller persoas en situación de risco social temporal, ben pola existencia dunha situación puntual de risco (desafiuzamentos de familias, catástrofe ou accidente no aloxamento habitual), ou ben dar cobertura temporal de aloxamento e manutención a persoas cun risco estrutural, pobreza, ausencia de aloxamento, ou inviabilidade de manutención, nenos en acollida temporal, etc. Este edificio tamén pode ser empregado para dar comidas a persoas de escasos recursos, despensa de banco de alimentos, etc.
Este proxecto, debido as súas características de versatilidade para a edificación, poderá dar cabida a distintas actividades comunitarias temporais ás que no seu momento sexa preciso dar soporte municipal. Esta actuación pretende ser o inicio da constitución dunha rede de base parroquial de edificacións de similares características, que dean servizo ao concello e ás súas comunidades e que se convertan pioneiras desde o punto de vista das prestacións desenvolvidas. O lugar será tamén un punto de integración e animación comunitaria.
A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, indicou que “coas vivendas de tránsito e/ou de soporte socio educativo o que se pretende é dar resposta a unha demanda existente no noso Concello, que non é outra que dar unha solución habitacional de urxencia a persoas, veciños e veciñas. Consiste nun aloxamento de carácter temporal e urxente en réxime de autoxestión para colectivos especialmente vulnerables que carezan de recurso residencial e/ou recursos económicos, e apoialos no desenvolvemento das capacidades necesarias para a busca activa de vivenda e a recuperación dunha vida autónoma, proporcionándolles información, apoio e recursos sociais, psicolóxicos, e económicos que lles axuden na súa inserción social, así como ofrecéndolles pautas socio educativas, orientándoos en aspectos xurídicos e legais e formándoos en valores de igualdade e resolución de conflitos”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Red parroquial para la acogida de amienses bajo riesgo de exclusión"