Pestanas principais

O Concello de Ames facilita a relación de establecementos abertos durante o estado de alarma e lembra as normas para saír a mercar

Martes, 14 de abril de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, facilita a relación de establecementos que permanecen abertos durante o estado de alarma. Ao pé desta nova podes consultar tanto os establecementos de alimentación (supermercados, panaderías, froitarías, carnicerías/charcuterías, peixerías/conxelados e comida para levar) como os que ofrecen outro tipo de servizos (farmacias, parafarmacias, clínicas veterinarias, ferreterías, estancos, droguerías, alimentación animal, lavandarías, tinturerías, papelarías, servizos informáticos, estacións de servizo e taxis). Dende a administración local continúase a traballar para ampliar a listaxe de todos os establecementos abertos, coa publicación de novas actualizacións. Se alguén detecta calquera erro ou se decata de que que o seu establecemento non aparece na listaxe, pode enviar un correo electrónico ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal.

A Concellaría de Promoción Económica lembra que hai que cumprir as normas establecidas para saír a mercar produtos de primeira necidade. Así, so poderá acudir unha persoa por familia, que non presente síntomas (tos, febre, sensación de falta de aire) e, sempre que se poda, os máis fráxiles deben quedar na casa. A persoa que saia mercar, deberá acudir ao establecemento comercial máis próximo ao lugar de residencia procurar mercar os produtos nunha soa ocasión por semana. Nos establecementos é necesario gardar unha distancia de seguridade de entre 1 e 2 metros, evitar aglomeracións e usar luvas de usar e tirar, procurando non tocar os produtos expostos, sobre todo froitas, verduras e legumes. Na medida do posible, faranse os pagos con tarxetas ou dispositivos móbiles e evitarase o diñeiro en efectivo. Ao chegar á casa, é recomendable desinfectar os produtos cun pano para evitar a propagación do virus.

Ampliación do estado de alarma
Tras a ampliación do estado de alarma publicada o pasado sábado, 11 de abril, no Boletín Oficial do Estado, e que se manterá como mínimo ate as 00.00 horas do día 26 de abril de 2020, o Concello de Ames informa de que continúan vixentes as medidas de confinamento establecidas no Real Decreto 463/2020 de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma. Deste xeito dende o Concello lémbrase que hai que continuar dando cumprimento as medidas, xa que de non facelo poderán impoñerse sancións. Así mesmo tamén se recorda os establecementos comerciais que teñen suspendida a súa actividade.

O Concello de Ames resalta a importancia de continuar cumprindo coas medidas de confinamento nesta nova etapa que afrontamos, para dese xeito seguir freando a evolución da pandemia do coronavirus – COVID-19.

Lembráselle á veciñanza que queda prohibido circular polos espazos e vía pública, salvo nos casos recollidos no artigo 7 de dito Real Decreto 463/2020 de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Este artigo indica que as persoas unicamente poderán circular po vías ou espazos públicos para a adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade; asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios; desprazamento ao lugar de traballo para efectuar a súa prestación laboral, profesional ou empresarial; retorno ao lugar de residencia habitual; asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables; desprazamento a entidades financeiras e de seguros; por causa de forza maior ou situación de necesidade ou calquera outra actividade de análoga natureza.

Igualmente, permitirase a circulación de vehículos particulares polas vías de uso público para a realización das actividades indicadas anteriormente ou para a reposición en gasolineiras ou estacións de servizo. En todo caso, en calquera desprazamento deberán respectarse as recomendacións e obrigacións ditadas polas autoridades sanitarias.

Asemade, é preciso resaltar que durante a vixencia do estado de alarma as saídas permitidas tan só se poderán facer de xeito individual, salvo que se acompañe a persoas con discapacidade, menores, maiores, ou por outra causa xustificada. O incumprimento destas obrigas leva aparellada a imposición de sanción por parte das Autoridades pertinentes. Sancións que se impoñerán consonte ao establecido na Lei de Seguridade Cidadá.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Ames facilita a relación de establecementos abertos durante o estado de alarma e lembra as normas para saír a mercar"

 

establecementos portada

Multimedia

  • alimentación
  • varios
  • talleres
  • como saír a mercar