Pestanas principais

O Concello de Ames fai públicos os gañadores/as do XI Certame Artístico-Literario Intercentros e do XVI Certame Literario

Venres, 10 de maio de 2019

O Concello de Ames fixo público este venres, 10 de maio, o nome das obras premiadas tanto na décima edición do Certame Artístico-Literario Intercentros como no décimo sexto Certame Literario Concello de Ames. A este último presentáronse un total de 176 obras, mentres que no Intercentros participaron un total de 76 traballos. A entrega de premios terá lugar o vindeiro xoves, 16 de maio, nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro.

Ao longo desta mañá, déronse a coñecer os e as gañadoras dos dous grandes certames literarios que organiza o Concello de Ames. Por un lado, fixéronse públicos os resultados do XVI Certame Literario de narrativa e poesía Concello de Ames, destinado a calquera persoa que presentase textos inéditos en galego de temática libre e, por outra banda, tamén se fallaron os premios do X Certame Artístico-Literario Intercentros, dirixido ao alumnado amesán. Os premios entregaranse o 16 de maio nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

XI Certame Artístico-Literario Intercentros
Neste certame presentáronse un total de 76 obras, que foron xulgados por Rosa Moreiras Cuñarro e Xián Naya Sánchez, persoal do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, así como por Isabel Vaquero Quintela, concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística. Este concurso consta de dúas categorías: a primeira para o alumnado de 3º e 4º de primaria e a segunda para os rapaces e rapazas que cursan estudos de 5º e 6º de primaria.

Na primeira categoría, correspondente a alumnado de 3º e 4º de educación primaria, o primeiro premio dotado con 100 euros é para Yeili del Carmen Bautis de 4º B do CEP de Ventínn polo traballo A nosa Galicia no 2050. O segundo premio de 80 euros dividido ex aequo a, por unha banda Arancha Rodiles e Comba Vilar de 4º D do CEIP A Maía pola obra Galicia no ano 2050; e por outra a Noa Mesías de 4ºB do CEP de Ventín por A miña Galicia. O terceiro premio, de 50 euros, foi para Mateo Ónega e Marcos Rodríguez de 4º C do CEIP Agro do Muíño polo traballo A nosa Galiza.

Na segunda categoría (alumnado de 5º e 6º curso de primaria), o primeiro premio recaeu en Noa de Blas, alumna de 6ºA do CEIP Agro do Muíño, polo seu traballo Galicia en cores. O segundo premio, tamén dividido ex aequo, foi outorgado a Nicolás Suárez de 5ºC do CEP de Ventín polo texto O Tesouro, e a Saxa de Santiago e Xoán Rivas de 5ºA do CEIP de Barouta por Paixón polo Galego.O terceiro dos premios desta categoría foi entregado a Candela Vázquez de 6º B do CEIP Agro do Muíño, pola súa proposta Soñamos con Galicia. A dotación destes premios, que serán canxeables nas librarías municipais, é semellante aos da primeira categoría.

XVI Certame Literario de narrativa e poesía Concello de Ames
O concurso reuniu un total de 176 traballos procedentes de toda Galicia e de varias localidades do resto de España, a cifra máis elevada desde a creación deste certame. Este ano, o xurado do certame estivo composto pola escritora e profesora Ana R. Figueiredo; o escritor e poeta Rafa Vilar González; e pola investigadora de literatura Carmen Ferreira Boo . Dos 18 premios repartidos neste certame, dous foron parar a mans de veciños/as amesás, todos eles na modalidade de narrativa. A listaxe completa de gañadores pode consultarse na primeira ligazón dispoñible baixo a pestana de descargas desta nova.

O Concello de Ames, en colaboración con Feiraco, empresa colaboradora do certame, publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos/as autores/as con cinco exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital. No caso de que os autores decidan publicar pola súa conta algún dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame. Antoloxía publicada conterá os 18 traballos premiados de cada edición.

Ligazóns relacionados:

La Voz de Galicia: "Fallados los certámenes literarios del Concello de Ames"

 

O Concello de Ames fai públicos os gañadores/as do XI Certame Artístico-Literario Intercentros e do XVI Certame Literario

Multimedia

  • O Concello de Ames fai públicos os gañadores/as do XI Certame Artístico-Literario Intercentros e do XVI Certame Literario