Pestanas principais

O Concello de Ames finaliza a revisión do estado dos camiños forestais de titularidade municipal

Sábado, 22 de febreiro de 2020

Esta semana realizouse unha xuntanza no salón de plenos da Casa do Concello, na que participaron o persoal técnico da Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, membros do goberno municipal, e o persoal da Brigada de plantación forestal e da Brigada Aprol Rural. En dita reunión deuse conta do traballo feito durante os últimos meses tanto na cuarta fase do Plan municipal de prevención e incendios forestais, como na revisión e na actualización do estado dos camiños forestais de titularidade municipal.

A lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais obriga aos concello de Galicia a xestionar as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e as faixas laterais das redes viarias da súa titularidade. Nos camiños forestais, a xestión da biomasa vexetal farase no estrato arbustivo e subarbustivo, na plataforma de rodadura do camiño e nos dous metros desde a aresta exterior da vía ou do camiño. Trala revisión das faixas secundarias de xestión de biomasa no ano 2018, no pasado ano 2019 procedeuse a facer a revisión do estado dos camiños forestais.

Para elo unha brigada composta por un enxeñeiro e un capataz forestal, subvencionada polo programa APROL RURAL, da Xunta de Galicia, percorreu a rede de camiños municipais situados en zona forestal o que supuxo un total de 447 camiños percorridos cunha lonxitude total de 112,64 quilómetros de lonxitude. O estado de transitabilidade dos camiños e pistas forestais é crucial durante un episodio de lume forestal xa que supoñen tanto un medio de achegamento das brigadas de extinción ás zonas incendiadas como unha posible vía de evacuación para as persoas no caso de ser necesario.

Neste sentido, a tarefa fundamental consistiu tanto en atopar camiños xa desfeitos polo tempo de abandono como en avaliar o estado de todas as vías  contemplado o estado da vexetación, a pendente e a proximidade a núcleos urbanos establecendo deste xeito unha prioridade de actuación. Como resultado dos traballo detectáronse 251 camiños que precisaban labores de acondicionamento supoñendo os mesmos 32 hectáreas de superficie de actuación.

A parroquia de Ames confirmase como de execución prioritaria seguida de Covas, Piñeiro e Trasmonte. Pola contra, Tapia, Biduído e Bugallido cun número moito menor de camiños son as parroquias de prioridade mais baixa. Os traballos realizados por esta brigada entre xuño de 2019 e febreiro de 2020 permitirán ademais  a elaboración dunha cartografía GIX  que forma xa parte do Plan Municipal de Prevención e  Defensa do concello de Ames.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, Manuel Lens, indica que “o traballo realizado dende o pasado mes de xuño polo persoal da brigada Aprol Rural foi fundamental para a revisión e actualización do estado dos camiños forestais de titularidade municipal. Ademais, continuamos nesta senda de traballo xa que neste días vense de solicitar unha subvención para a contratación dunha nova brigada para que leve a cabo os traballos de adecuación de camiños nas parroquias máis prioritarias”.

Plan municipal de prevención de incendios forestais
Por outra banda, o Concello de Ames está inmerso actualmente na cuarta fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais no que se actuará en 23 hectáreas de monte. Nesta cuarta fase rematarase a actuación, que comezou no período 2018-2019, do ámbito 09 (Ventosa, Lombao e na urbanización do Bosque Animado-14,4 hectáreas); e actuarase nos ámbitos Frenza-Vilota (12,26 hectáreas); Montemaior (7 hectáreas). En total actuarase nunha superficie de 23,58 hectáreas, en aproximadamente 220 parcelas, das cales 12,78 son de perigosidade alta e moi alta.

Estímase que se poderían plantar unhas 4.200 árbores frondosas. Deste xeito, continuarase coa repoboación de árbores frondosas-caducifolias (castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras) que se plantarán tendo en conta as distancias indicadas na lei segundo a proximidade de casas, estradas, etc.

Este traballo realizase en coordinación entre o persoal técnico da Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural e persoal contratado polo Concello para este fin. Deste xeito, unha técnica do departamento de Medio Ambiente márcalle diariamente as directrices do traballo a unha brigada, composta por un capataz e dous peóns. O Concello asume o custe da contratación deste persoal da brigada, que ronda os 34.000 euros, por un período de cinco meses.

A este importe hai que engadirlle o custe que supón dispor dun vehículo todoterreo e os equipo de protección individual (EPIS). Isto suma arredor de 10.000 euros, o que da un importe total de 44.000 euros. Ademais, o Concello asume o custe da compra de árbores e mailos traballos de preparación dos terreos para a posterior plantación. En total, o Concello destinará 80.000 euros de fondos propios á cuarta fase deste plan.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames finaliza a revisión dos camiños forestais"

La Voz de Galicia: "Ames cuenta con 447 caminos forestales municipales y 251 necesitan mantenimiento "

Reunión brigada APROL RURAL

Multimedia

  • Reunión brigada APROL RURAL