Pestanas principais

O Concello de Ames homenaxeou aos “Homiños de Boimorto” cun acto celebrado en Ortoño

Xoves, 01 de setembro de 2022

O adro da igrexa parroquial de san Xoán de Ortoño foi o escenario escollido, neste 2022, para homenaxear aos once concelleiros da corporación municipal de Boimorto, detidos e asasinados o 20 de agosto de 1936 nos Batáns. Unha homenaxe que serviu, ademais, para informar sobre os traballos realizados no mesmo lugar a comezos de agosto pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), co fin de localizar os corpos de seis dos once represaliados durante a Guerra Civil. O acto organizado polo Concello de Ames contou coa participación e colaboración da Agrupación de familiares das vítimas do 36 de Boimorto.

“Memoria e reparación” é o que perseguía a homenaxe que o Concello de Ames realizou onte á tarde en Ortoño. Memoria para os once concelleiros da corporación municipal de Boimorto asasinados o 20 de agosto de 1936 nos Batáns e reparación para que as súas familias recuperen os restos dos seus achegados.

Un acto de homenaxe que comezou pasadas as seis da tarde no adro da igrexa parroquial de san Xoán de Ortoño, lugar no que os seis concelleiros foran enterrados nunha fosa común no 36 e lugar no que o pasado mes de agosto se volveron realizar labores de exhumación. A homenaxe contou coa participación de Blas García, alcalde de Ames; David Santomil, concelleiro de Educación e responsable da área de Patrimonio Histórico; Xosé Luís Rivas, concelleiro de Boimorto e portavoz da Agrupación de familiares das vítimas do 36 de Boimorto e Serxio Castro, arqueólogo da ARMH. Asistiron, ademais, representantes do Goberno municipal, familiares das vítimas e veciñanza.

O acto institucional comezou coa intervención do concelleiro de Educación e responsable da área de Patrimonio Histórico, David Santomil, que amosou a disposición do Concello de Ames por colaborar coas familias das vítimas. “Dende o ano 2007 tratouse coas labores de escavación de manter viva esa chama, ese lume para recuperar e restaurar esa memoria necesaria do acontecido no 36. Agardamos establecer Ortoño como lugar de memoria democrática xa sexa cun monolito ou cunha placa na memoria dos ‘homiños de Boimorto’, algo que recolle o anteproxecto da lei de memoria democrática”.

A continuación tomou a palabra Serxio Castro, arqueólogo da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, para informar sobre os traballos realizados no mesmo lugar a comezos de agosto. “Os resultados da exhumación realizada a comezos de agosto non foron positivos. A asociación pode afirmar que a fosa estaba aquí, porque as fotos e a información é moi clara, pero os corpos tiveron que ser trasladados no ano 1958 a un osario situado no novo camposanto. Nós non podemos traballar nun osario pois hai restos de moitos anos, de moitas persoas e de moitos perfís de idade diferentes”.

Seguidamente Xosé Luís Rivas, concelleiro de Boimorto e portavoz da Agrupación de familiares das vítimas de Boimorto relatou os feitos acontecidos en agosto de 1936 co desexo de que nunca se esquezan. “Esta é a historia de once homes que puideron ser vinte e dous, dunha barbarie que nunca nos contaron e que tivemos que ir rabuñando uña a uña e que saíu a flote a medias pero lembrade algo, non fomos capaces de transmitirlles aos que se foron e aos que quedaron eses aloumiños necesarios para dicirlles que aquelo acontecera, que fora verdade”.

O acto rematou coa intervención de Blas García, alcalde de Ames, quen destacou que é necesario seguir colaborando e falando do acontecido para concienciar á veciñanza.  “En España agora mesmo hai máis de catro mil fosas comúns e máis de cen mil persoas desaparecidas. Ás administracións quédanos moito por facer e eu creo que temos que seguir colaborando e axudando en beneficio de aquelas familias que perderon aos seus familiares”.

Esta homenaxe aos once concelleiros da corporación municipal de Boimorto finalizou coa entrega dun ramo de flores ás netas de dous dos edís asasinados o 20 de agosto de 1936 nos Batáns e posteriormente enterrados nunha fosa común en Ortoño.

Labores de exhumación en Ortoño
Un equipo de arqueoloxía da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) visitou a comezos de agosto a parroquia de Ortoño, co fin de realizar labores de exhumación na contorna da igrexa parroquial. Os traballos tiñan como obxectivo recuperar os corpos de seis dos once edís de Boimorto asasinados, xa que os once concelleiros foron repartidos en dous grupos tras seren fusilados. Deste xeito, seis corpos foron trasladados ao cemiterio de Ortoño, mentres que os outros cinco foron levados a dúas fosas comúns no Amenal, no concello do Pino.

Este non era o primeiro intento de recuperar os restos mortais dos coñecidos como “homiños de Boimorto” en Ames. Xa no 2007, a parroquia de Ortoño acollera tarefas de exhumación, nun lateral da igrexa parroquial. Desta volta, e tras a información facilitada por unha testemuña, os labores realizáronse ao carón da fiestra da actual casa reitoral.

As exhumacións realizadas en Ames súmanse ás xa realizadas no Amenal, no concello do Pino, onde se atoparon os restos de tres edís asasinados e onde están á espera dos permisos necesarios para realizar novos traballos de exhumación para intentar localizar os corpos dos outros dous edís asasinados o 20 de agosto de 1936 e enterrados nesa localización.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Los «homiños de Boimorto», recordados pero desaparecidos"

El Correo Gallego: "Tributo aos homiños de Boimorto sen novos restos polo traslado a un osario"

AMSGO!: "Ames reivindica a memoria democrática dos “homiños de Boimorto”"

O Concello de Ames homenaxeou aos “Homiños de Boimorto” cun acto celebrado en Ortoño

Multimedia

  • O Concello de Ames homenaxeou aos “Homiños de Boimorto” cun acto celebrado en Ortoño