Pestanas principais

O Concello de Ames imponlle unha primeira multa coercitiva a unha promotora por non rematar os traballos de urbanización na Travesía do Pedregal

Xoves, 18 de agosto de 2011

[18-08-2011] O Concello de Ames está vixiando moi de preto a todas as promotoras para que cumpran coa normativa urbanística en vigor, así como para que cumpran co deber de urbanizar os viarios e espazos públicos de xeito simultaneo ao que realizan as construcións para as que solicitaron licenza. Seguindo esta liña de traballo, dende o Concello de Ames impúxose unha primeira multa coercitiva, por importe de 1.000 euros, a unha promotora por non rematar os traballos de urbanización na Travesía do Pedregal. O goberno municipal xa adoptou varias actuación de urxencia ante a situación de perigo que supón para os viandantes pasar por esta rúa. O concelleiro de Urbanismo, Ramón García Argibay, e o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, xa visitaron o devandito lugar para coñecer de primeira man o estado o que se atopan as obras. Trala visita a brigada municipal de obras procedeu a selar os sumidoiros e habilitou unha rampla de acceso para que as persoas que residen nesta lugar poidan acceder as súas vivendas. Ademais acondicionouse un acceso para que os vehículos poidan entrar nos garaxes.

O Concello de Ames está realizando un control moi exhaustivo co fin de que todas as empresas promotoras cumpran coa normativa vixente en materia de seguridade, salubridade e ornato público. A maioría das promotoras no lugar de realizar as obras de urbanización para que os seus terreos obteñan a condición de solar e se poida edificar, agardan a rematar os edificios e logo póñense a executar os traballos de urbanización dos viarios e espazos públicos que lindan cos seus solares. Iso provoca o incumprimento da lei, así como un claro perigo para toda a veciñanza, xa que teñen que andar sorteando ocos e circular por beirarrúas que están intransitables.

Iso é o que acontece na Travesía do Pedregal por mor das obras de urbanización vinculadas á construción de tres bloques de vivendas en tres fases sucesivas formado por dous bloque. As empresa promotora non rematou as obras o que provoca que as beirarrúas da rúa do Pedregal sexan intransitables. Debido a iso o concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón García Argibay, reuniuse con arredor de trinta veciños/as da zona, para explicarlles que a situación na que se atopa a Travesía do Pedregal é responsabilidade da empresa promotora por non rematar os traballos de urbanización. García Argibay explicoulles aos veciños/as que o Concello de Ames ía adoptar unha medidas de urxencia para solventar provisionalmente estes problemas.

Trala reunión, o concelleiro de Urbanismo, e o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, visitaron o devandito lugar para coñecer de primeira man o estado o que se atopan as obras. Despois desta visita o propio Alfredo Taboada comunicoulle a brigada municipal de obras os arranxos que había que executar nesta rúa. Deste xeito, a brigada municipal de obras procedeu a selar os sumidoiros e habilitou unha rampla de acceso para que as persoas que residen nesta lugar poidan acceder as súas vivendas. Ademais acondicionouse un acceso para que os vehículos poidan entrar nos garaxes.

Ademais de executar estas medidas de urxencia o Concello de Ames impúxolle a empresa promotora unha primeira multa coercitiva por importe de 1.000 euros por non rematar os traballos de urbanización na Travesía do Pedregal. Agora, se non prazo dun mes, non se executan os traballos ordenados seguiranse a impoñer sucesivas multas coercitivas ata lograr a completa execución dos traballos que faltan por executar.

As obras das edificacións dos bloques de vivenda están aparentemente rematadas e a promotora xa solicitou as licenzas de primeira ocupación. A obra de urbanización está iniciada, pero leva parada dende hai tempo e non cumpre coas normas de seguridade necesarias. O Concello xa lle ten remitido a devandita promotora un informe no que se recollen as características requiridas para o acondicionamento urbanístico da zona que está fronte á promoción que desenvolveu na Travesía do Pedregal.


Incumprimento da obriga de urbanizar

Deste xeito, prodúcese un incumprimento da obriga de urbanizar sinalada na Lei de Ordenación e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA) e no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ames (PXOM) con carácter previo ou simultáneo ao de edificar. En primeiro lugar a devandita promotora incumpriu o artigo 9 e 199 da LOUGA, así como o artigo 39 do Regulamento de Xestión Urbanística que sinala que só se poderá edificar cando os terreos adquiran a condición de solar ou cando se asegure a execución simultánea da urbanización e da edificación.

O artigo 40 do mesmo regulamento dispón no seu apartado 3 que o incumprimento do deber de urbanización, simultáneo á edificación comportará a caducidade da licencia, sen dereito á indemnización, impedíndose o uso do edificado, sen prexuízo do dereito dos terceiros adquirentes ao resarcimento de danos e prexuízos que se lles houbesen irrogado. Así mesmo comportará a perda da fianza.

A empresa promotora tamén incumpriu o Plan Xeral de Ordenación Municipal en canto a que en toda obra de nova planta ou derrubo, e nas de reforma ou conservación que afecten ás fachadas do edificio, será esixible un valado de protección de polo menos dous metros de altura, constituído por materiais que ofrezan seguridade, conservación e bo aspecto e situado a unha distancia que en cada caso debe sinalar o propio Concello.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Mil euros de multa para una promotora que realiza trabajos en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Multa de mil euros para urbanizar y fulminar olores en O Pedregal, Ames"