Pestanas principais

O Concello de Ames impulsa a iniciativa “Rodeiros Brancos” para concienciar á veciñanza sobre a seguridade viaria

Martes, 31 de maio de 2022

A Concellaría de Mobilidade presentou esta mañá unha nova iniciativa denominada “Rodeiros Brancos”, que se desenvolverá con motivo do día da Seguridade Viaria que se conmemora o 10 de xuño. Baixo o lema “Respecto na rúa, convivencia segura!” vanse organizar dous percorridos pola rúa nos que os/as participantes terán que ir vestidos/as de branco e cunha luz-linterna branca na cabeza, utilizando un método de mobilidade sostible. Preténdese reivindicar a utilización de medios de mobilidade sostible. En Bertamiráns, o 10 de xuño, ás 22.00h, farase unha saída nocturna en bicicleta de 8 quilómetros, mentres que no Milladoiro, o 17 de xuño, ás 22.00 horas, farase un rodeiro curto de 1.730 metros en bicicleta, monopatín, patíns ou patinete. Para participar nestas actividades é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Os/as nenos/as deberán estar acompañados/as dunha persoa adulta.

Por segundo ano consecutivo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, celebra o 10 de xuño o día da Seguridade Viaria. Nesta ocasión desenvolverase a iniciativa “Rodeiros Brancos”, que consiste en facer un percorrido no que os/as participantes terán que ir vestidos/as de branco e cunha luz-linterna branca na cabeza, utilizando un método de mobilidade sostible. É importante salientar que aínda que as persoas participantes leven unha luz-linterna branca na cabeza, tamén deberán levar casco xa que é obrigatorio.

En Bertamiráns, o 10 de xuño, ás 22.00h, farase unha saída nocturna en bicicleta de 8 quilómetros. As persoas participantes irán en bicicleta e o percorrido será o mesmo co da marcha ciclista nocturna. Ao ser un traxecto de 8 quilómetros de distancia, considerouse por seguridade que só se poderá facer en bicicleta.

A saída será dende a praza do Concello, para continuar pola rúa Alcalde Lorenzo cara a urbanización Agro do Muíño. Despois xirarase cara a esquerda pola rúa Ribeira de Maguxe, para circular pola rúa Revolteada ata a rúa Tras do Muíño. Posteriormente, circularase pola estrada provincial DP-0205 cara Bertamiráns, xirarase á dereita cara a rúa Entrerríos ata a estrada de Lapido. Continuarase pola avenida da Maía ata chegar ata o Camiño do Lodeiro, pasando por rúa do Comaro, Camiño Novo, avenida de JL Azcárraga e Travesía da Peregrina, para a continuación circular pola rúa Rueiro e a Travesía do Rueiro, ata volver a avenida da Maía. O percorrido remata circulando pola avenida da Maía e pola rúa Alcalde Lorenzo ata chegar de novo á praza do Concello.     

No Milladoiro, o 17 de xuño, ás 22.00 horas, farase un rodeiro curto de 1.730 metros. Este é un percorrido máis curto, pensado fundamentalmente para que participen nenas e nenos. As persoas participantes poderán acudir con algún medio de mobilidade sostible (bicicletas, monopatíns, patinetes ou patíns). Se o neno ou nena precisa acompañante poderá acompañalo andando sempre que vaia de branco e coa luz na cabeza.

A saída farase dende o aparcadoiro de Agriños e circularase polas rúas Palmeiras, Travesía do Porto, Cereixos, Agro da Madanela, Estivada de Castelao, Camelias, Cereixos, Agro da Madalena, Estivada de Castelao, Travesía da Madalena, rúa da Madalena, Travesía do Porto e remátase no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro.

Para participar nestas actividades é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Os/as nenos/as deberán estar acompañados/as dunha persoa adulta.

Presentación da iniciativa Rodeiros Brancos
No acto de presentación estiveron o alcalde de Ames, Blas, García, a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e mailo oficial da Policía Local de Ames, Maximino García.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que “no momento en que saímos á rúa todos e todas formamos parte da seguridade viaria, xa sexa como peón, ciclista, coche, usuarios de patinetes..., por iso é imprescindible que aprendamos a compartir espazo, cumprir as normas e respectarnos, tendo sempre en conta quen é o máis débil. A actividade que realizaremos serán os Rodeiros Brancos, a través da cal se pretende reivindicar os medios de mobilidade sostible. Consiste nun percorrido en que as persoas participantes irán vestidas de branco, aínda que sexa unha camiseta, cunha luz branca na cabeza e utilizando un método de mobilidade sostible”.

A continuación interviu Maximino García, oficial da Policía Local, que dixo “trátase de concienciar ao cidadán sobre as normas que existen en canto á seguridade viaria. Este tipo de iniciativas están funcionando moi ben. En actividades anteriores similares non houbo ningunha incidencia e agardamos que nesta ocasión suceda o mesmo. É importante que os participantes fagan caso das indicacións dos axentes da Policía Local e tamén dos membros da Agrupación de Protección Civil. É unha boa ocasión para pasar un momento en familia e fomentar a utilización de medios de mobilidade sostible”.   

Pechou o acto de presentación o alcalde de Ames, Blas García, que destacou “este tipo de actividades son importantes para dar a coñecer as normas de seguridade viaria. É importante que os nenos e nenas vaian aprendendo as normas de seguridade viaria e esta é unha forma divertida de facelo. Ademais, é importante apostar por unha mobilidade sostible e ecolóxica, pero sen dubida esta mobilidade sostible ten que ir acompañada dunha mobilidade segura. Este ano dáse a opción de participar nunha marcha ciclista en Bertamiráns ou nunha ruta máis curta no Milladoiro para empregar outro tipo de medios de mobilidade sostible como poden ser os patinetes, patíns ou monopatíns. Trátase dunha actividade que se pode facer en familia, polo que animamos a toda a veciñanza a inscribirse e participar”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Organizan dos rutas en Ames para fomentar la movilidad sostenible"

Enfoques: "‘Rodeiros Brancos’ busca concienciar a Ames sobre la seguridad vial"

Imaxe da presentación da iniciativa “Rodeiros Brancos"

Multimedia

  • Imaxe da presentación da iniciativa “Rodeiros Brancos"
  • Imaxe da presentación da iniciativa “Rodeiros Brancos"
  • Cartaz da iniciativa “Rodeiros Brancos"
  • Percorrido Rodeiro branco Bertamiráns
  • Percorrido Rodeiro Branco O Milladoiro