Pestanas principais

O Concello de Ames inaugura o novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns cofinanciado con fondos FEDER

Xoves, 09 de novembro de 2023

O Concello de Ames vén de inaugurar o novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O alcalde, Blas García, e a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Susana Señorís, interviron no acto de inauguración da iluminación pública de Bertamiráns cun percorrido que comezou ás 20:30 horas dende a Praza do Concello de Bertamiráns. Tanto o xefe de obra de Ferrovial (empresa adxudicataria) como o xerente, Lucas Averio e Álvaro Piñeiro, acudiron a esta inauguración para explicar os detalles técnicos do proxecto, que tamén contou con representantes do resto de grupos municipais.

O Concello de Ames está inmerso na execución da EDUSI Impulsa Ames que afronta xa a súa recta final e que así se está a ver dende fai unhas semanas coa presentación de proxectos como os percorridos ambientais do Milladoiro e outros que serán presentados proximamente como pode ser a améndoa central de Bertamiráns.

O alcalde, Blas García, comezou agradecéndolle o súa implicación e esforzo a Susana Señorís e a anterior Corporación e indica que existen máis motivos que o aforro para estar satisfeitos pois “todo isto fíxose sen diminuír ningunha das vantaxes que nos ofrece un alumeado público eficiente: o novo alumeado contribúe a mellorar a seguridade, absolutamente irrenunciable, porque garante mellores condicións de visibilidade na mobilidade dos peóns e do tráfico rodado”. O rexedor indica que “reducir o consumo enerxético na iluminación das nosas vilas e cidades sen deixar as rúas ás escuras non é unha utopía. É unha realidade posible, responsable e necesaria” e finaliza  explicando que “un xesto illado é tan só un xesto, pero unha actuación global representan un cambio, unha pequena revolución, que é no que está Ames na actualidade”.

A concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Susana Señorís, sinalou o compromiso do do Concello de Ames e a aposta polo aforro a través da eficiencia enerxética: “No Concello de Ames levamos anos apostando pola mellora da eficiencia enerxética nas nosas instalacións, tanto en edificios coma na iluminación pública. De feito, non é a primeira vez que acometemos melloras neste eido, que agora se complementaron con esta actuación, tan ambiciosa como necesaria, no núcleo urbano de Bertamiráns, poñendo especial atención en beirarrúas e pasos peonís, xa que a seguridade viaria figuraba como unha das grandes prioridades do proxecto”.

Lucas Averio, xefe de obra en Ferrovial, explicou que se “cambiou a led arredor de 1.000 luminarias do alumeado do núcleo urbano de Bertamiráns e tamén se adaptaron á normativa vixente tanto as luminarias como os cadros de mando que eran un total de 18. Temos que agradecer a coordinación que houbo co Concello. Durante a execución do proxecto tivemos que contar coa colaboración da Policía Local e de persoal municipal. Ademais, tivemos que retranquear algúns puntos de luz que molestaban nas beirarrúas da avenida da Maía e de Alcalde Lorenzo”.

Álvaro Piñeiro, xerente de Ferrovial, dixo “temos que agradecer a confianza depositada en Ferrovial por parte do Concello. Conseguimos os obxectivos que tiñamos marcados ao inicio do proxecto en canto a aforro e eficiencia enerxética e niveis lumínicos. Ánimo ao Concello a seguir por esa liña de traballo, que xa emprenderon hai tempo, de obter maior eficiencia enerxética porque lles vai permitir incrementar o aforro nas arcas municipais”.

A renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Dita actuación foi adxudicada á empresa Ferrovial Construcciones SA por un importe de 437.511,85 euros (IVE incluído). A actuación principal foi a substitución de arredor de 1.000 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED, de potencia inferior pero que achegarán un fluxo luminoso similar. Co novo sistema de alumeado LED redúcese nun 79% a potencia instalada pasando a 40.40 kW e o consumo anual baixa nun 83% pasando a ser de 143.014,63 kWh. O custe anual tamén se reduciu nun 83%.

Características do proxecto
En total, substituíronse arredor de 1.000 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED, de potencia inferior pero que achegan un fluxo luminoso similar. Nalgunhas aproveitouse a luminaria e instalouse retrofit. Tamén se cambiaron 210 soportes por outros de máis altura.

As novas luminarias dispoñen de driver pre-programado para redución de fluxo de maneira automática de forma temporizada unha vez activada a orde de aceso das instalacións. Ademais, levouse a cabo a substitución de 16 centros de mando por outros novos e reformaranse 2 centros de mando para adaptalos ao regulamento establecido. Por último, reforzouse a rede de terra e instalouse un sistema de tele-xestión en cada centro de mando para poder realizar o control do alumeado de xeito personalizado.

Esta actuación contribuíu a reducir o consumo enerxético do municipio, buscando a eficiencia na xestión enerxética das infraestruturas e equipamentos públicos. Antes da realización deste proxecto empregábase unha potencia total de 195.36 kW e un consumo ao ano de 840.056,60 kWh o que ocasionaba un custo anual de 160.084,81 euros. Co novo sistema de alumeado LED redúcese nun 79% a potencia instalada pasando a 40.40 kW e o consumo anual baixa nun 83% pasando a ser de 143.014,63 kWh. O custo anual tamén se reduce nun 83% pasando a ser de 27.253,49 euros.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Bertamiráns xa ten alumeado led para aforrar un 83%"

La Voz de Galicia: "Bertamiráns estrena alumbrado sostenible"

Ames Go: "Bertamiráns estrea luces LED"

Enfoques: "Bertamiráns estrena nuevo alumbrado LED"

Imaxe do acto de inauguración do novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns cofinanciado con fondos FEDER

Multimedia

  • Imaxe do acto de inauguración do novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns cofinanciado con fondos FEDER
  • Imaxe do acto de inauguración do novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns cofinanciado con fondos FEDER
  • Imaxe do acto de inauguración do novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns cofinanciado con fondos FEDER
  • Imaxe do novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns cofinanciado con fondos FEDER
  • Imaxe do novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns cofinanciado con fondos FEDER
  • Imaxe do novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns cofinanciado con fondos FEDER
  • Imaxe do novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns cofinanciado con fondos FEDER
  • Imaxe do novo sistema de alumeado LED de Bertamiráns cofinanciado con fondos FEDER