Pestanas principais

O Concello de Ames indica que finalizaron as obras de instalación dunha nova tubaxe ao longo da Avenida da Maía de Bertamiráns para evitar inundacións

Venres, 17 de abril de 2015

[17-04-2015] O Concello de Ames informa de que finalizaron as obras de reposición da tubaxe de 150 metros ao longo da Avenida da Maía de Bertamiráns, actuación que figuraba na oferta técnica da nova empresa concesionaria do servizo integral da auga, a UTE Acciona. O seu xerente, Javier González, explica que se instalou unha tubería nova nese tramo da rede que “debe dar axeitada solución” ás inundacións que se viñan producindo en época de chuvias da calzada e mesmo de garaxes; ao tempo que anuncia para a vindeira semana o inicio dos traballos de reposición das beirarrúas afectadas por esta intervención urbanística.

En relación ao cobro de recibos, a firma, que se fixo cargo do servizo a principios de ano, indica que se pasará o do cuarto trimestre en canto quede listo o padrón municipal, de forma que o correspondente ao primeiro trimestre se retrasará un mes aproximadamente para evitar que coincidan os dous. “Houbo que facer unha revisión do padrón municipal, en coordinación co Concello, antes de pór ao cobro os recibos, trala recepción efectiva da xestión do servizo”. Ademais, González destaca que o servizo está a funcionar correctamente e anima á xente a domiciliar os recibos: “Os veciños que o desexen poden domiciliar o recibo da auga e o lixo en calquera entidade bancaria que desexen, domiciliación que a día de hoxe supera o 90 por cento, e os que prefiran aboalo en efectivo deberán facelo nas oficinas que o Banco Sabadell posúe no Milladoiro e Bertamiráns”.  

Para o pagamento dos recibos do último trimestre do ano pasado haberá un prazo voluntario de pago sen recargo para os usuarios.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, indica que o cambio de concesionaria no servizo do ciclo integral da auga implica un traspaso complexo da xestión e un tempo de revisións administrativas: “Desde o Concello trabállase con intensidade coa concesionaria da auga para normalizar o cobro dos recibos, non houbo nin haberá ningún corte da subministración durante este período e as melloras programadas pola empresa xa se están a ver”.  

A UTE avanza que lle presentará axiña ao Concello unha proposta de sistema de telecontrol dos puntos estratéxicos da rede: “Instalaríamos uns sensores en nós, depósitos e bombeos para dispor dun control dos centros neurálxicos en tempo real, o que nos permitiría actuar con carácter preventivo nas instalacións sensibles, como prever picos de consumo no verán e, en definitiva, ter un maior dominio do circuíto. Isto dáche unha tranquilidade enorme”.