- Tematica
No día de hoxe, 23 de decembro de 2020, entrarán en vigor as novas liñas de transporte metropolitano que foron licitadas ao longo deste ano 2020. As novas adxudicacións levarán cambios significativos nos horarios e frecuencias, moitas delas a solicitude do Concello, tales como a posta en funcionamento de novas frecuencias a primeira e última hora do día, a ampliación da conectividade do parque empresarial do Milladoiro ou a posta en marcha do noite bus ou de novas frecuencias nos fins de semana.
A nova reformulación da mobilidade interna que realiza o Concello de Santiago traslada a parada da rúa da Rosa ao Hórreo, xunto á dársena da futura estación intermodal e que permitirá a conectividade co tren e a futura estación de autobuses. Dito cambio foi trasladado ao Concello de Ames e así se recolle xa nas listaxes de horarios que se poden observar en www.bus.gal, ou nas propias compañías de transporte. Preme nesta ligazón para descargar o PDF cos horarios das liñas do servizo de transporte metropolitano de Ames que está dispoñible na web bus.gal.
Liña Ortoño - Estación de autobuses
Ademais, informouse ao Concello de Ames de que dende o Concello de Santiago deixarase de prestar o servizo correspondente á liña que conectaba Ortoño coa estación de autobuses de Santiago por resultar moi deficitaria. Dita liña formaba parte do transporte urbano de Santiago e era cofinanciado a través do transporte metropolitano pola Xunta de Galicia, naquel tramo que transcorría polo concello de Ames.
Desde o Concello de Ames leva solicitándose a ampliación desta liña ata o núcleo de Bertamiráns de cara a buscar un mellor rendemento da mesma e ampliar o número de usuarios/as. Ata o momento a liña chegaba ata a parroquia de Ortoño, dando volta á altura da Igrexa e sen chegar a recoller viaxeiros na propia urbanización Agro do Muíño, o cal desde o Concello foi demandado en varias ocasións.
A liña XG8071401 do Milladoiro a Bertamiráns permitirá a conectividade coas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído cos núcleos urbanos e a súa posterior conexión con Santiago, a través das frecuencias diarias desde as 8:30 horas dirección Bertamiráns, ata as 20.00 horas.
Nas fins de semana esta liña incrementou o horario de cara a permitir unha mellor conectividade destas parroquias cos núcleos, con tres horarios de ida cara Bertamiráns antes do xantar, ás 13.00 horas, a media tarde, ás 18.00 horas, e a última hora da tarde, ás 20.00 horas, e con horarios dirección O Milladoiro ás 12.00 horas, 16.00 horas e 19.00 horas.
O Concello de Ames solicitará á Xunta de Galicia a recuperación da liña de Ortoño a Santiago como parte do transporte metropolitano coas mesmas condicións de pago que o resto das liñas de dito transporte e ampliando o servizo ata o núcleo de Bertamiráns para así conseguir unha mellor mobilidade das parroquias, tanto con Santiago de Compostela como co centro de Bertamiráns.
Xuntanza do goberno coas asociacións de veciños e veciñas afectadas
Nos vindeiros días desde a alcaldía convocarase unha xuntanza coas asociacións de veciños e veciñas de Ortoño, Bugallido e Biduído, xa que son os lugares polas que pasaba esta liña que agora quedou sen servizo (Ortoño, O Santo, Ortoñiño, Guimaráns, Outeiro, Quistiláns, Framil, Costoia, Fraíz e Casaliño) e que leva máis de catro décadas prestando servizo a estas parroquias. O obxectivo é realizar un traballo conxunto entre a veciñanza e a Administración local para conseguir o restablecemento e mellora do servizo de transporte.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Vecinos de varias parroquias de Ames se quedan sin transporte directo con Santiago"
El Correo Gallego: "Indignación ó eliminar a liña de autobús entre Ortoño e Santiago"
La Voz de Galicia: "El nuevo transporte metropolitano aísla aldeas de Ames, estrena parada en O Hórreo y abre más líneas"