- Tematica
O Concello de Ames informa de que, no día de hoxe, publicouse a Orde do 27 de abril de 2020 pola que se modifica a Orde do 23 de marzo de 2020 pola que se adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación coa Covid-19, en cumprimento do acordo do Centro de Coordinación Operativa da Emerxencia Sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo, sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias. Os principais cambios afectan a aquelas persoas con cultivos e viñedos considerados de autoconsumo (fins non comerciais), xa que agora poderán desprazarse dentro do termo municipal para levar a cabo as tarefas de mantemento e atención dos seus cultivos e viñedos e, en caso de que se encontre noutro termo municipal, este desprazamento poderá facerse ate unha distancia de 5 km dende a súa vivenda habitual.
Esta nova Orde establece que as persoas agricultoras e viticultoras profesionais e os seus traballadores/as poderán efectuar os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e dos viñedos. Para os efectos desta disposición, terá a consideración de agricultor/a profesional, ben sexa a tempo completo ou parcial, quen estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Para a acreditación do carácter de agricultor/a, que xustifique a realización deses desprazamentos, é suficiente coa inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Nese sentido, os axentes da autoridade poderán dirixirse ao dito rexistro para efectuar calquera comprobación que consideren oportuna. No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistro dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe cando se dan de alta nos rexistros.
Autoconsumo
As persoas con cultivos ou viñedos considerados de autoconsumo (fins non comerciais), que non desenvolven unha actividade profesional agraria, poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención dos devanditos cultivos e viñas sempre que o desprazamento se realice dentro do mesmo termo municipal ou, de realizarse a outro termo municipal, que non supoña unha distancia superior a 5 km da súa vivenda habitual. En ningún caso poderá haber máis de dúas persoas no predio, as cales deberán respectar en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria. En relación coa acreditación da necesidade de desprazamento, as actividades agrarias consideradas de autoconsumo poderanse realizar coa presentación do carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios. No caso das persoas viticultoras, poderán acreditalo co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistro dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe cando se dan de alta nos rexistros.
É preciso indicar a obrigatoriedade de levar consigo, ademais da correspondente acreditación, unha declaración de responsable que faga referencia aos predios nos cales levan a cabo eses cultivos, incluíndo a identificación da parcela, o tipo de cultivos que realiza e, no caso de tratarse de cultivos ecolóxicos, a declaración incluirá tamén que non se empregan tratamentos fitosanitarios e que, polo tanto, carece do carné de aplicador/manipulador destes produtos. Nese documento, ademais, a persoa deberá declarar responsablemente que leva desprazándose de xeito habitual ao predio en cuestión para a realización de actividades agrarias de autoconsumo polo menos durante o último ano.