- Tematica
Este mércores, 20 de maio de 2020, o Goberno do Estado publicou a Orde SND/422/2020, do 19 de maio, pola que se regulan as condicións para o uso obrigatorio de máscara durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. A partir de mañá, 21 de maio de 2020, será obrigatorio uso de calquera tipo de máscara, preferentemente hixiénicas e cirúrxicas, para todas as persoas de seis anos en diante, que cubra nariz e boca, observándose en todo caso, as indicacións das autoridades sanitarias acerca do seu uso. Quedan excluídas desta obrigación aquelas persoas que presenten algún tipo de dificultade respiratoria, que poida verse agravada pola utilización da máscara, e a aquelas cuxo uso se atope contraindicado por motivos de saúde ou discapacidade. Recoméndase o uso nos/as nenos/as de 3 a 5 anos.
Na Orde SND/422/2020 publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado explícase que o uso xeneralizado de máscaras por parte da poboación xeral para reducir a transmisión comunitaria do SARS- CoV2 está xustificado non só pola súa alta transmisibilidade, senón tamén pola capacidade que demostraron as máscaras para bloquear a emisión de pingas infectadas, moi importante cando non é posible manter a distancia de seguridade. Así mesmo, é necesario seguir un principio de precaución que permita continuar pola senda da redución dos casos de contaxio da enfermidade no noso país, principalmente cando non se dispón doutras medidas como a vacinación.
Así, mediante a presente orde disponse, con carácter xeral, o uso obrigatorio de máscaras en persoas de seis anos en diante na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non sexa posible manter unha distancia de seguridade interpersoal de polo menos dous metros, sendo recomendable o seu uso para a poboación infantil de entre tres e cinco anos.
Quedan excluídas desta obrigación aquelas persoas que presenten algún tipo de dificultade respiratoria que poida verse agravada pola utilización da máscara e a aquelas cuxo uso se atope contraindicado por motivos de saúde ou discapacidade. Así mesmo, o seu uso non será esixible no desenvolvemento de actividades que resulten incompatibles, tales como a inxesta de alimentos e bebidas, así como en circunstancias nas que exista unha causa de forza maior ou situación de necesidade.
Quen ten a obrigación de cumprir esta medida?
Quedan obrigadas ao uso de máscaras nos espazos establecidos na Orde todas as persoas de seis anos en diante, excepto:
-Persoas que presenten algún tipo de dificultade respiratoria que poida verse agravada polo uso de máscara.
-Persoas nas que o uso de máscara resulte contraindicado por motivos de saúde debidamente xustificados, ou que pola súa situación de discapacidade ou dependencia presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.
-Desenvolvemento de actividades nas que, pola propia natureza destas, resulte incompatible o uso da máscara.
-Causa de forza maior ou situación de necesidade.
Onde é obrigatorio o uso de máscara?
O uso de máscara será obrigatorio na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non sexa posible manter unha distancia de seguridade interpersoal de polo menos dous metros.
Dende o Concello de Ames, lembramos que as demais medidas dispostas dende a declaración do estado de alarma, como son as relativas ás franxas horarias, mobilidade, xuntanzas de persoas e outras, seguen vixentes. Pregamos que a veciñanza non relaxe agora o seu cumprimento para evitar dar pasos atrás.