Pestanas principais

O Concello de Ames inicia o vindeiro luns as obras de reparación da calzada na rúa Anxeriz do Milladoiro

Mércores, 14 de xaneiro de 2015

[14-01-2015] O Concello de Ames inicia o vindeiro luns as obras de reparación da calzada na rúa Anxeriz do Milladoiro, en concreto dende a intersección con Raxoeira ata Cruxa. Os traballos consistirán na substitución do empedrado de pezas de formigón por unha lousa de formigón semipulido e posterior repintado. Estes labores, que contan cun orzamento duns 50.000 euros, está previsto que finalicen no prazo dun mes e medio.

As obras realizaranse por pequenos tramos de rúa para prexudicar o mínimo posible aos veciños. A primeira das actuacións acometerase no cruzamento da rúa Anxeriz coa rúa Raxoeira, entre o luns-19 e o venres-23, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Durante eses días estará prohibido estacionar na superficie deste tramo e a circulación de vehículos nos tramos afectados da rúa Anxeriz, quedará restrinxido exclusivamente ao acceso aos garaxes. Nesta primeira fase, cortarase o tramo da rúa Anxeriz dende o cruce coa rúa Raxoeira ata os números 5 e 7 incluídos. Os vehículos dos garaxes destes portais non poderán acceder aos mesmos durante o tempo que dure esta primeira fase.  

A reparación do pavimento danado nesta rúa xa comezou en agosto de 2013 coas obras realizadas na intersección das rúas Anxeriz e Pardiñeiros. Daquela retirárase o empedrado para aplicar formigón co obxecto de coñecer o rendemento que podía experimentar este material. Unha vez testada a efectividade desta actuación procederase a estendela ao resto dos tramos danados desta rúa.