Pestanas principais

O Concello de Ames inviste 109.265 euros en abastecemento e saneamento na aldea de Loureiros

Luns, 22 de xullo de 2024

 A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 5 de xullo, a adxudicación das obras do proxecto de abastecemento e saneamento que se vai executar no lugar de Loureiros, na parroquia de Covas. Dito proxecto foi adxudicado á empresa Excavaciones Midón SL por un importe de 109.265,06 euros (IVE incluído). A través desta actuación preténdese ampliar as redes de servizos municipais e maila mellora do pavimento neste núcleo. Esta obra súmase ao investimento de 754.346,85 euros que se está executando en Lens para dotar tamén dos servizos de abastecemento e saneamento a este lugar.

O núcleo de Loureiros, pertencente á parroquia de Covas, contará cunha ampliación dos servizos municipais de abastecemento e saneamento e unha mellora da pavimentación dos viarios desta aldea. A adxudicación do proxecto vén de aprobarse na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 5 de xullo por importe de 109.265,06 euros (IVE incluído). As obras foron adxudicadas á empresa Excavaciones Midón SL.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “dende este Goberno facemos unha aposta decidida polo rural de Ames e por dotar dos servizos básicos á veciñanza”.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica “trátase dunha importante obra por varios motivos. Primeiro porque nos serve para eliminar unha fosa séptica neste lugar. Deste xeito, conectarase dita fosa coa rede de sumidoiros. Tamén é importante porque vai permitir conectar as casas dos lugares de Caroubáns e Loureiros coa rede de abastecemento e saneamento. Executarase en varias fases: primeiro executaranse as canalizacións de abastecemento e saneamento, despois a rede de alumeado público, e por último a reposición e mellora de todos os viarios interiores de Loureiros”.

Características do proxecto
Para o viario do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón HM – 20 con mallazo sobre zahorra para a súa nivelación, previa demolición do firme existente, onde resulte necesario. En ámbalas marxes disporase unha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, tamén de 35 centímetros de ancho.

Baixo o novo pavimento de formigón prevese a canalización de 185 metros de tubo de polipropileno corrugado de 400 milímetros de diámetro SN-8 coa instalación de 7 arquetas con sumidoiro, 7 pozos de rexistro e 15 metros de canle de fundición dúctil con reixa para a correcta recollida das augas pluviais, previa escavación en zanxa.

Por outra banda, co obxecto de dotar ó núcleo da correspondente rede de saneamento de fecais, prevese a canalización dun total de 510 metros de tubo de PVC Ø315 milímetros coa instalación de 18 pozos de rexistro e arquetas de saneamento, previa escavación en zanxa.

Para a canalización da rede de abastecemento prevese a colocación de 160 metros de tubo de polietileno Ø63 milímetros xunto coa instalación de 3 válvulas de comporta, 1 válvula de baleirado e 2 bocas de rega coas súas correspondentes arquetas de aloxamento. Ademais, procederase á colocación de tubo de polietileno de 90 milímetros de diámetro con arquetas para iluminación pública.

Con anterioridade as actuacións proxectadas contémplase o despexe e desbroce do terreo onde resulte necesario e a limpeza de gabias e marxes. Tamén será precisa a desmontaxe e posterior reconstrución, aproveitando a fábrica existente, dun treito muro de pedra para o paso da canalización de saneamento.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "La traída y el alcantarillado llega por fin hasta Loureiros, a apenas doscientos metros de Bertamiráns"

O Concello de Ames inviste 109.265 euros en abastecemento e saneamento na aldea de Loureiros

Multimedia

  • O Concello de Ames inviste 109.265 euros en abastecemento e saneamento na aldea de Loureiros
  • O Concello de Ames inviste 109.265 euros en abastecemento e saneamento na aldea de Loureiros